Búmeran é participación. un diálogo
coas novas voces das artes plásticas e visuais contemporáneas; un
proceso aberto con 30 autores de plena actuación creativa. |
|
Búmerang1. Traballas e vives entre Porto e Barcelona ¿Como observas esa realidade ou situación galego-foránea?, ¿cales pensas que son as causas desta ida e volta que advertimos en moitos artistas da túa mesma xeración
As causas xerais que levan ós novos artistas galegos a esta saída da que me falas son as mesmas que empuxan a un elevadísimo porcentaxe de galegos/as menores de trinta anos e de diversas profesións a abandonar os seus lugares de orixe para probar sorte noutros destinos.
Os motivos para a volta periódica poden ir desde a sombra fresca en Agosto ou o amor filial ate unha certa vibración xeomagnética de atracción e repulsa exclusiva do lugar de nacemento.
Nun plano máis concreto, referido ó segmento sociolóxico dos “artistas plásticos” nados nos anos setenta, descoñezo ate que punto os motores da miña extraterritorialidade sexan comúns ós doutros colegas de xeración.
Antes de xeralizar no nome deles, expoño a miña traxectoria:
Desde os 15 anos vivín fóra de Galicia, alternando residencias en San Francisco, Madrid, Barcelona, Granada ou Porto con períodos de illamento produtivo no meu estudio de Sarria.
A miña traxectoria fóra de Galicia está marcada por aspectos illados a estratexias artísticas ou apoios curriculares, antes ben, o meu aquí-e-alí é o resultante de pulsións, intuicións e un profundo desexo de vivir poucos días idénticos.
Búmerang2. ¿Cales son os temas ou as claves que identifican os teus traballos?
Formúlome o feito creativo como un acto vital, a forma de comunicación sen a que sería mudo.
Non creo nos materiais, nin nas parcelas delimitadas de actuación artística: uso aquilo que mellor serve para o propósito procesual da mensaxe que me sinta inclinado a formular.
Fuxo do manierismo metalingüístico, tal e como no seu momento fuxín da educación artística normalizada ou da produción de obxectos claramente identificables dende o vetusto clixé de autoría.
Alterno proxectos baseados en tempos procesuais moi longos con pezas de maior inmediatez ou peso obxectual.
Formulo estéticas que van dende o lirismo inherente nos lugares comúns ate o industrialismo rudimentario e descarnado dos mecanismos sinxelos.
Traballo moito para poder traballar máis.
Río bastante.
E nunca falo do mesmo: para min "o mesmo" é un concepto derrotista, evasivo e inmóbil.
Como son poucos os historiadores da arte que veñen ó estudio a carrexar comigo pezas de aceiro ou ferro, tamén son poucas as pistas que verbalizo respecto o meu traballo…
Antes ben, prefiro clarificar en cada nova peza os meus cómos e porqués.
O único feito que respecto a miña obra podo manifestar é que existe... e que se parece a min.
Búmerang3. ¿Como observas a realidade/situación da videocreación, sempre nesa dualidade entre moda e esixencia creativa actual?
Antes de nada, é necesario matizar que a pesar de utilizar o vídeo como ferramenta recorrente no conxunto da miña obra (o meu primeiro traballo usando o vídeo dixital data de 1998), non me identifico minimamente co perfil tradicionalmente atribuído ó videoartista.
Para a miña xeración, este formato non é novidoso en si mesmo, senón unha linguaxe asimilada dende a infancia.
O vídeo como formato artístico vén probando a súa validez expresiva dende a súa mesma xénese, fai xa unhas cantas décadas.
O feito de que no panorama español, e aínda máis no galego, esta realidade se teña recentemente comezado a considerar, constitúe un interesante punto de reflexión, así como un claro identificador temporal da situación galega dentro do contexto internacional.
Por outro lado calquera obra xerada desde a rendición consciente do artista ás esixencias dun “zeitgeist” dominante non deixa de ser máis que unha renuncia ó verdadeiro potencial do feito creativo, e unha actitude que me produce interesantes erupcións cutáneas e mareos intermitentes.
Búmerang4. ¿Que se precisa para que exista unha boa promoción de artistas galegos fóra de Galicia? Especialmente os máis novos.
Precísanse artistas, xestores e infraestruturas para o apoio a producións excepcionais e independentes.
A saúde da nova arte galega é recorrentemente analizada a partir da maior ou menor presencia de artistas galegos en Arco… e así nos vai!
Desde mediados dos anos oitenta até hoxe os artistas galegos con proxección no panorama internacional seguen sendo os mesmos.
Este incontestable feito demostra que a férrea institucionalización propia da arte galega non é un esquema válido para dotar de visibilidade real á obra dos artistas senón máis ben para satisfacer vaidades, intercambiar favores, xustificar orzamentos e consolidar parcelas de poder de orixe tan dubidoso como endogámico.
Nos artistas galegos promocionados desde o poder autonómico, obsérvase unha traxectoria curricular acoutada e pouco imaxinativa.
O "establishment" rexional privilexia a aqueles que dende o inicio da súa formación académica cumpren aquilo que se espera deles, contribuíndo coa súa compracencia e docilidade a escenificar unha imaxe de renovación dentro da plástica galega.
Se formulamos unha análise proporcional entre a "esperanza" depositada nestes novos artistas oficiais e o impacto da súa obra nun espectro global, o balance só pode ser cualificado de fracaso.
Respecto ós xestores, partícipes activos nese entramado público-privado, pouco máis hai que dicir.
O novo panorama político déixaos agora no trance de probar ata onde se estende a súa excepcionalidade e a súa independencia.
O terceiro elemento que formulaba como necesario, a figura do centro de produción, non existe na nosa comunidade autónoma.
Búmerang5. Pensa nun proxecto que quixeras facer.
Quero ser un dos primeiros colonos no planeta Marte, e un dos asinantes da declaración de independencia do mesmo.
Quero traballar sen pausa ata que chegue ese día, e despois morrer tranquilo. |
|