Colaboradores
  Búmerang
Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Léns
14/30 Arturo Fuentes
Pertence Arturo Fuentes (Ourense, 1975) ó grupo de autores que pretenden desconcertar. Representante activo dunha xeración de autores galegos que desvirtúan pautas e medios, sempre cunha clara tendencia de proxecto. A súa obra estivo presente en colectivas significativas como “Novos Camiñantes”, “Galicia Escultura” ou na recente “Seducidos polo accidente”, ademais de estar vinculado coa galería Ad hoc, coa que colabora e na que ten exposto individual e colectivamente.
arturo_fuentes.jpg
preme na imaxe para ampliala

Búmeran é participación. un diálogo coas novas voces das artes plásticas e visuais contemporáneas; un proceso aberto con 30 autores de plena actuación creativa.


anteriores búmerang
30/30 Diego Santomé
29/30 Chiu Longina
28/30 Almudena Fernández
27/30 Vicente Blanco
26/30 Álvaro Negro
25/30 Pablo Orza
24/30 Victoria Diehl
23/30 Berio Molina
22/30 Salvador Cidrás
21/30 Isaac Cordal
20/30 Irene González
19/30 Patricia Dopico
18/30 Pablo Pérez Sanmartín
17/30 Iván Prieto
16/30 Amaya González
15/30 Rubén Santiago
14/30 Arturo Fuentes
13/30 Jorge Perianes
12/30 Maribel Castro
11/30 Fran Herbello
10/30 Santi Jiménez
9/30 Jano
8/30 Rubén Ramos Balsa
7/30 Félix Fernández
6/30 Suso Fandiño
5/30 Antón Cabaleiro
4/30 Mónica Alonso
3/30 Antía Moure
2/30 Carlos Maciá
1/30 Carme Nogueira

Búmerang1 Pensamos no teu traballo como un proceso de investigación desde o tecnolóxico. ¿Cales pensas que son as relacións que debemos establecer entre ciencia e arte, un debate non sempre formulado en profundidade?

O feito de vivirmos en sociedades cada vez máis complexas, nas que parece que todo ámbito de coñecemento tende a fraccionarse máis, esixe un nexo común que permita establecer relacións. A arte contemporánea supón un campo de acción no que poden convivir o linguístico e o tecnolóxico. Recolle ideas procedentes das órbitas máis diversas, e obriga a que convivan, enfatizando os aspectos críticos desta relación.

Nos últimos tempos tense falado moito da chamada terceira cultura, aquela que dende a ciencia se dedicaría a repensar o mundo, recollendo —máis ben arrebatando—- o testemuño do intelectual tradicional (o mal chamado home de letras). Pero isto non fai máis que poñer de manifesto que o mundo da ciencia parece remiso a mirar cara ningún lado que non sexan as súas particularidades. A coartada perfecta atopámola por exemplo nas loitas estériles de carácter pseudo científico-relixioso que están provocando os "creacionistas" no sistema universitario americano entre outras.

Persoalmente —aínda que resulte sorprendente en boca dalguén próximo ó mundo da arte— penso que é o mundo artístico o que debe demostrar que está libre de prexuizos idealistas e outros misticismos para ter un lugar no mundo contemporáneo, e poder establecer así relacións serias con outras esferas de coñecemento. A capacidade de traballo en equipos "multidisciplinares" supón un dos retos que debe afrontar o artista contemporáneo.

Búmerang2 Sempre comentei o teu logro de desvirtuar moitos dos valores establecidos, autoría, obra, produción,... ¿cales son as claves que definen o teu itinerario neste anos e no presente?

Supoño que se trata de temas comúns a moita xente que vén traballando nos últimos anos. É natural que as preocupacións dos artistas novos pasen por re-pensar o contorno artístico e o propio papel da arte. O século pasado foi ben "movido" neste senso. O artista contemporáneo sabe que os modelos modernos de autoría, produción, obra... non poden continuar a definir o comportamento artístico do presente —aínda que así é—. Xurde así unha necesidade hixiénica na que o artista precisa dun novo espazo. Sería algo así como "limpar a mesa de traballo" para poder facer algo.

O contorno tecnolóxico que se vai construíndo arredor de nós, se ben posibilita unha nova forma de coñecer —como se dun sistema nervioso externo se tratara, empregando a expresión do sempre esaxerado McLuhan—, require tamén unha reflexión crítica e unha análise dos novos mecanismos de representación que rixen a nosa forma de ver o mundo. O mundo da arte resulta un lugar privilexiado para ese traballo.

A busca da complicidade co espectador a través do humor é tamén unha constante no meu traballo. Descargar a obra de todos os atributos escritos con letras maiúsculas convértese nunha prioridade.

Búmerang3 ¿Pensas que existe unha nova xeración/tendencia de artistas novos? ¿consideras axeitada a súa visibilidade?

Existe un conxunto de xente con preocupacións semellantes, mais non penso que debamos falar de tendencias. Dende logo é indubidable que o panorama galego é radicalmente distinto do que atopamos hai poucos anos. Os xeitos de traballar tamén.

Neste momento os artistas aínda son demasiado fráxiles na súa dependencia esaxerada das institucións. Quizais é agora o momento no que se deba dar un paso importante neste senso —sen desprezar a progresión que se ten dado, por suposto—. Habería que ver se interesa que o discurso artístico sexa dictado dunha forma descendente nunha estructura piramidal —como ten acontecido tradicionalmente— ou, pola contra, que xurda da interación entre todos os axentes que participan do "feito cultural". Nin que dicir ten que dende unha visión materialista é importante atender ós recursos empregados nos distintos "compartimentos culturais", ás posibilidades reais de produción dos artistas novos, etc...

Búmerang4 ¿En que nomes ou narracións buscas identificacións para afirmar os teus traballos?

Non é doado ofrecer unha resposta concisa a esta cuestión, dende logo. A verdade é que son bastante heteroxéneo nas miñas fontes. Os meus referentes e intereses circulan por ámbitos moi diversos; non só do mundo da arte. Centrándome neste direi que non podo deixar de sentir especial predilección polos dadaístas e postdadaístas, aínda que recoñezo que nalgúns aspectos formularon un discurso cunha carga importante de nihilismo (aínda son un duchampito, como diría despectivamente alguén, :D). A evolución da arte suíza do século XX resulta dalgún xeito un referente para mín. Artistas como Jean Tinguely, Diether Roth, Peter Fishili & David Weiss,... ocupan —aínda que por motivos diversos— un lugar destacado. Do que se está dando nos últimos anos teño atendido con especial atención a certos artistas da rede —aínda que hoxe en día parece que o omnipotente museo conseguiu asumir ese tipo de manifestacións, como non podía ser doutra maneira— como Heath Bunting ou o español Daniel García Andújar, co seu “Technologies To The People”.

Búmerang5 Pensa nun proxecto que quixeras facer.

Habitualmente preparo novas pezas en cada oportunidade que se me presenta, tentando cinguirme á formulación, espazo e recursos á miña disposición. Dito doutro xeito, aínda que teño colección de proxectos ideados (entendendo o proxecto simplemente como paso previo a unha resolución definitiva), sempre considero necesario facer algo completamente novo para cada ocasión. En certa maneira gusto de "limitarme" a min mesmo en certos aspectos —xa que non o fago no tipo de soporte, por exemplo— seguindo unha máxima enunciada por C.K. Chesterton: “arte é limitación, a esencia de cada cadro é o marco”.

Podo dicir que agora mesmo estou comezando a traballar con insectos sociais. Ese é o proxecto que quero facer... no que xa estou.

Ligazóns:
Galería ad hoc


Obra e curriculo de Arturo Fuentes


Daniel García Andújar


Technologies to the people


Heath Bunting


Peter Fischli/David Weiss


C.K. Chesterton





Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org

Slot Terbaru