|
5/30 Antón Cabaleiro
O ámbito do corpo e a mediación na atmosfera comunicativa son algunhas das liñas de actuación da obra de Antón Cabaleiro (Santiago, 1977), unha das últimas incorporacións da nova xeración de artistas galegos. A súa presenza céntrase nun ámbito nacional, xa que traballa e vive en Madrid, pero sempre achegándose a Galicia participando en certames ou proxectos en intermitencias máis que destacables; a súa actual mostra na Fundación Laxeiro (froito da bolsa Laxeiro-Afinsa) é un bo exemplo, como o foi a súa selección na Mostra Unión Fenosa, no certame de Cambre ou no Novos Valores da Deputación de Pontevedra. Pero a súa traxectoria perfílase, principalmente, na xeografía extra-galega, en colectivas como Generación 2005 de Cajamadrid, Circuítos de Artes Plásticas e Fotografía 2004 da Comunidade de Madrid, Injuve ou na presente “Divergentes’05”. Conclúen a súa traxectoria a inclusión activa en proxectos como Feedback (onde sobresae a participación nunha serie de vídeos na cadea de televisión La Otra) ou a mostra individual na galería Marlborough, como resultado do primeiro premio de Fotografía de El Cultural de El Mundo en 2003.
|
preme na imaxe para ampliala
|
Búmeran é participación. un diálogo
coas novas voces das artes plásticas e visuais contemporáneas; un
proceso aberto con 30 autores de plena actuación creativa. |
|
Búmerang1. Es un artista galego que vive en Madrid, pero sempre mantés unha relación ou vínculo con Galicia. ¿Cales pensas que son as causas desta ida e volta e que advertimos en moitos artistas novos da túa mesma xeración?
A nivel expositivo, polo menos no meu caso, pode que pareza que vou e veño, pero non nos levemos a engano, nunca deixo de estar en ningures. A presenza ten máis que ver co criterio das seleccións das exposicións que se fan que coa miña propia actividade artística.
A nivel persoal, gústame establecerme en distintos lugares temporalmente, necesito coñecer diferentes modos e ritmos de vida para poder contrastalos co que para min é cotián. Contrastar é fundamental para aprender, comprender, e para renovarse.
Búmerang2. ¿Que é o que falta para que exista unha boa promoción de artistas galegos tanto dentro como fóra de Galicia?
As carencias sempre son as mesmas; en xeral hai unha falta de educación e de diálogo. Faltan ganas de querer cambiar este panorama, falta capital destinado a facelo e falta unha estrutura sobre a que camiñar. Este problema non vén só das administracións, tamén se debe ó egoísmo da maior parte do gremio artístico. Creo que vivimos nun lugar no que predomina unha mentalidade de burócrata extenuado; ó que lle importa máis o “qué dirán” que facer algo que verdadeiramente axude a que esta situación evolucione.
Búmerang3. Na túa obra advertimos un relato crítico do home/muller coa terra, coa sociedade. ¿Cales pensas que son os temas, as direccións do teu traballo?
Para min as experiencias cotiás son esenciais, pois de aí sae todo o material co que traballo. Principalmente, o que me interesa, é cómo nos afecta a evolución dunha sociedade tecnolóxica que vai sempre por diante de nós, ditando novas normas e transformando as xa establecidas; ofrecendo novos inxenios que á súa vez xeran novas necesidades. Unha sociedade que semella estar a punto de sobrepasarnos en todo momento e de devorarnos con esa velocidade coa que se desenvolve.
Búmerang4. Unha impecable traxectoria que fai presente a hibridación actual de diversos formatos (vídeos, fotos, debuxos, etc.), que se concentran na presente mostra da Fundación Laxeiro, froito da bolsa Laxeiro-Afinsa.
Na mostra da Fundación Laxeiro, “Coexistencias pacíficas”, coma en todo o meu traballo, o que se ve é o resultado dun proceso dixital. Cos novos medios calquera pode manipular imaxes, calquera pode aplicar un filtro sobre unha foto ou editar un vídeo. Sen embargo, eu non busco o que o dixital ofrece; non vou detrás da hiperdefinición nin da manipulación perfecta. As miñas pezas son coma colaxes, híbridos, nos que o proceso dixital é evidente. Busco que este proceso tecnolóxico se note ó primeiro golpe de vista para dar paso ó discurso que se atopa detrás da mera aparencia.
Búmerang5. Pensa nun proxecto que quixeras facer.
Estou desenvolvendo un proxecto de videocreación para o que fun seleccionado dentro dun programa internacional de residencias para artistas. Nel, creadores de todo o mundo, convivimos e traballamos ó mesmo tempo. A proposta chámase “Divergentes 05”. Ademais do contacto directo cos demais artistas, cada un de nós traballa cunha empresa, contando coa tecnoloxía desta para o desenvolvemento da peza. A miña residencia é na EITB, o grupo de comunicación da Euskal Telebista, e aínda que está en proceso, isto promete. |
|
|