Búmeran é participación. un diálogo
coas novas voces das artes plásticas e visuais contemporáneas; un
proceso aberto con 30 autores de plena actuación creativa. |
|
Búmerang1. Os teus traballos presentan unha particular ollada ó ámbito do texto dentro da representación. ¿Quizais nun intento de alterar ó observador?
Non, en realidade é un desafogo emocional, a través dunha reconstrución frenética dos feitos reinventados ó xeito das miñas necesidades. Non é máis que un intento desesperado de confidencia, como se o feito de compartir os meus segredos os fixese menos meus. Só propoño ó observador un diálogo tan próximo como o monólogo.
Búmerang2. ¿Mensaxes relacionados coa memoria, coa identidade, pero sempre no presente, nun lugar?
Un encontro, unha conversación ou un movemento vivido inscríbense nun espazo determinado e un tempo concreto. As paredes e os obxectos que presenciaron a nosa historia, non quedaron ó meu lado, pertencen ó territorio da miña memoria. De aí a miña busca desenfreada por atopar as súas réplicas nesas paisaxes desoladas. Eses escenarios de acción e paixón, baleiros pola nosa ausencia, pero cargados da mesma intimidade e segredos que nos rodeou.
Búmerang3. ¿Cales serían as túas referencias de seguimento ou reminiscencia creativa á hora de analizar os teus traballos?
Creo que podería facerse unha lectura do meu traballo facendo unha lectura da miña vida. Cada obra é provocada por un acontecemento, unha experiencia real que traduzo a unha instantánea.
Algúns aspectos presentes na obra de artistas como Jenny Holzer, Tracey Emin, Herman Hesse, Lou Reed, etc. entre outros, poderían ser análogos ou equiparables ó que me gustaría transmitir coa miña obra pola sinceridade, visceralidade e paixón co que contan as súas historias.
Búmerang4. Como representante da última xeración de artistas novos ¿Consideras acertada a promoción dos artistas noveis?
Considero que o panorama artístico atópase nun punto de inflexión, porque comeza a ser máis notorio a interese por ampliar o circuíto de artistas, xa recoñecidos, que ós novos creadores. Sen embargo, creo que queda moito por facer, xa que as vías para acceder a este sistema son moi escasas, na súa gran maioría só a través de concursos e influencias.
Búmerang5. Pensa nun proxecto que quixeras facer.
Un dos proxectos que teño en mente: “¿Queres durmir comigo?”. Consiste na translación da linguaxe verbal á linguaxe corporal. A través dun anuncio, calquera persoa que chamase tería a opción de compartir comigo un espazo de 90 cm.: a miña cama. Documentando a acción en vídeo obtería un diario audiovisual dos meus encontros. Neste caso é a casualidade ou o probable o que rexe o meu destino, a miña sorte e quen se deita na miña cama, quedando á marxe os meus desexos e a miña vontade.
|
|