Unha manifestación de familias reclamará o dereito a estudiar en galego

Apoios na lingua

Familias de todo o país están convocadas a participar o día dezasete nunha manifestación "Polo direito elemental a aprendermos en galego". Un acto que convocan os sindicatos CIG e SLG, a Mesa pola Normalización, a AS-PG, Nova Escola Galega, o BNG, CAE e CAF. Un pouco antes, o luns seis, celebrarase un maratón de lectura en galego na Coruña. E a TVG vén de anunciar a emisión dunha serie na que promociona a utilidade do noso idioma. Ata un arxentino como é o escritor Ernesto Sábato salientou onte a importancia de manter vivo o noso idioma na súa estancia onte en Compostela.

Manifestación familiar



Unha manifestación na que se busca a participación de familias completas é a iniciativa coa que diferentes colectivos chaman a defender o galego o vindeiro dezasete de maio. O Bloque Nacionalista Galego, a Mesa pola Normalización Lingüística, a Confederación Intersindical Galega, o Sindicato Labrego Galego, a Asociación Sócio Pedagóxica Galega, Nova Escola Galega e os Comités Abertos de Escola e Facultade son os convocantes dunha marcha que pretende denunciar a "violación de dereitos humanos fundamentais coma o de recibir o ensino na propia lingua". Ademais desta manifestación, a campaña desenvolverase con outras actividades coma a distribución de folletos, carteis e pegatinas denunciando o retroceso no emprego do noso idioma e reclamando o deretio dos nenos galegofalantes a recibir a educación integramente na súa lingua nai.
Algo antes do día dezasete, aínda que con ocasión do Día das Letras, está prevista a realización na Coruña dunha maratón de lectura entre as catro e as oito da tarde. Neste acto participarán diferentes reprsentantes do mundo cultural da cidade, incluído o Concelleiro de Educación e Cultura Xosé Luis Méndez Romeu. A maratón está aberta á participación de todos os interesados, coa única condición de que os textos que se leas estean en galego.











Normalización pola tele


A TVG comeza este sábado as emisións dunha serie de once programas que pretenden amosar o labor a prol do galego que realizan varias empresas do país. A serie, que poderá ver tanto pola TVG como pola canle internacional Galicia TV, está realizada pola CRTVG en colaboración coa Fundación Galicia-Empresa. Empresas coma Pescanova, Castromil, Pescanova, Caixa Galicia ou Caixanova son algunhas da empresas que aparecerán representadas nestes programas. Ademais do idioma do noso idioma nas empresas tamén se tratará a presencia do galego nas institucións, na investigación ou a importancia de marcas coma Galicia Calidade.




Sábato e o galego


O escritor arxentino Ernesto Sábato sinalou que "é unha lástima que escritores coma Valle-Inclán non seguisen a ruta de Rosalía" realizando obras universais partindo das súas propias raíces e da súa lingua. Sábato realizou estas declaracións na tarde de onte na súa chegada a Compostela para recibir o Premio Rosalía de Castro que lle entrega este ano o PEN Clube de Galicia. Referencias a Rosalía, Sábato tamén sinalou a súa "admiración pola heróica loita que, durante anos, os galegos sostiveron por manter a vixencia da súa lingua e da súa cultura".