Nun primeiro momento parécennos dous ámbitos completamente alleos. As novas tecnoloxías e mais a terceira idade non casan no imaxinario colectivo. No entanto, timidamente, cada vez son máis os nosos anciáns que se asoman ao mundo de Internet e á Sociedade do Coñecemento. Un ámbito que lles pode achegar moitas máis vantaxes das que podemos pensar nun comezo.
Polo que se ve, non é certo o de que aos vellos Internet e todo o submundo relacionado coas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) lles dea o mesmo. Así o asegura José Carlos Millán Calenti, catedrático que dirixe o Grupo de Investigación en Xerontoloxía da Universidade da Coruña e autor do libro "Os maiores e Internet": "As persoas maiores teñen unha grande capacidade de aprendizaxe que ás veces é minusvalorada. En canto nos poñemos a traballar con eles axiña se afeccionan e teñen moita gana de aprender todo o que se refire ás novas tecnoloxías". Neste grupo levan xa anos a desenvolver diferentes proxectos encol da participación da xente de máis idade neste ámbito. Por exemplo, teñen desenvolvido cursos de iniciación á informática, o que lles permitiu comprobar "o rápido que a xente maior aprendía a manexar o computador. Xa non só o aparello, o rato e o teclado, senón mesmo o emprego de correos electrónicos ou da videoconferencia". En xeral, segundo asegura este investigador, é habitual que os maiores lle dean un enfoque práctico a estes coñecementos. "Ademais do emprego cotián da informática, con ferramentas coma o Office, mesmo se preocupan de aplicar os criterios de accesibilidade e todo o que pode supor mellora da súa propia calidade de vida mediante as novas tecnoloxías".
Navegar por vicio
A nivel de ocio, é ben coñecida nos últimos meses a historia de María Amelia López Soliño, autora de amis95.blogspot.com, unha bitácora na que, grazas á transcrición que fai o seu neto, conta as súas lembranzas, afeccións e ideas. Aínda que curioso polo momento, o seu caso non é único. Tamén desde Sarria, con setenta anos, o xornalista Víctor L. Villarabid actualiza tamén un espazo deste tipo, "Mi parecer". En Arteixo, ao tempo, Julio Mancebo Moreiras mantén, con 64 anos, "A miña Baiuca", unha bitácora onde vai facendo memoria, unha por unha, de todas as casas da súa aldea. No seu caso primeiro veu a idea de escribir os recordos da súa aldea natal en papel, e logo "os fillos animáronme a que puxese un blog, e pareceume interesante, para que non se perdese o recordo da Baiuca dos últimos anos corenta e comezos dos cincuenta". O primeiro contacto de Julio co computador deuse "nos últimos anos da miña profesión como mestre". Unha peculiaridade da bitácora é a considerable participación doutros veciños, tamén de idade, que completan ou discuten as súas lembranzas, sós ou coa colaboración de familiares máis novos. Segundo explica o autor, "supoño que a visitan porque tamén lles interesan as novas tecnoloxías, penso que chegarán a través do web de Cidadáns de Arteixo", un lugar onde se reúnen un bo feixe de bitácoras locais. Recoñece que non lle dá máis emprego á informática, "dedico moito tempo a ler e durante o día estou moi entretido, fáltanme horas moitas veces e non lle dou máis uso ao ordenador".
Sen chegar a introducirse tanto na rede, neste sector de idade teñen as súas preferencias específicas cando se lanzan a navegar por ocio. Segundo sinala José Millán a partir da súa experiencia, "o que máis buscan son webs sobre saúde, para consultar algúns problemas que lles poden preocupar. Logo en xeral gústalles moito viaxar a través de páxinas culturais, museos e cousas semellantes. Polo menos mentres estamos nós presentes, logo cando quedan sós xa non sei por onde navegarán".
Facilidades
Malia ao interese que poden ter os membros da terceira idade nas TIC, existen unha serie de recomendacións de interese para lles facilitar o emprego. Neste sentido, o Grupo de Xerontoloxía, en colaboración co CESGA puxo en marcha, xa en 2000, o proxecto "Ágora Senior". "O que fixemos foi definir as características que debía ter un portal web destinado a persoas maiores", lembra Millán. Dentro desa investigación constatouse entre os maiores un elevado descoñecemento das novas tecnoloxías e unha certa resistencia a empregar o computador por medo a estragalo. Nese mesmo sentido, a experiencia constatou que as persoas de menos de setenta e oito anos amosaban maior interese do que as máis vellas por introducirse neste mundo. A nivel de deseño, os usuarios da terceira idade salientaron a necesidade de que as ligazóns fosen intuitivas e estivesen moi claras e mais sinalaron o seu gusto xeral polas imaxes nidias e de calidade. Ao tempo, os problemas para manexar o rato e o teclado foron os atrancos máis xerais. Outro dos proxectos deste grupo foi a creación de Software Senior, unha base de datos sobre recursos de accesibilidade útiles para persoas de idade "desde emuladores de rato para xente con párkinson ata teclados virtuais", explica Millán.
E-calidade de vida
É neste sentido que as TIC poden achegar toda unha serie de posibilidades que prometen mudar moitos dos tópicos da terceira idade. Por exemplo, un dos empregos máis habituais dos computadores para anciáns en residencias e centros semellantes son os programas informáticos que permiten desenvolver a memoria e os reflexos. É precisamente nesta liña onde se desenvolven os traballos do Grupo de Xerontoloxía relacionados con estas tecnoloxías. "Investigamos programas de estimulación cognitiva feitos para traballar sobre a perda de memoria asociada á idade, e normalmente atópanlles moitísimo interese", explica. Recoñece, de calquera xeito, que non toda a xente ten as mesmas facilidades para se integrar neste novo mundo. "Os problemas veñen fundamentalmente cando falamos de persoas con problemas funcionais, coma o párkinson, que lles dificulta manexar o rato". Ao tempo, as análises destes investigadores sinalan unha relación directa entre o nivel educativo dos anciáns e a súa dispoñibilidade a adquirir novos coñecementos.
Xerontoloxía a distancia
A última iniciativa, xa moi avanzada, deste grupo de investigación é a Telexerontoloxía. Desta volta, o proxecto incide nas posibilidades que as TIC achegan para mellorar a calidade de vida da xente de idade e mais a asistencia aos anciáns. "Agardamos ter en xuño este recurso de atención ás persoas maiores. O proxecto quere levar ás casas videoconferencias, servizo médico ou mesmo transmitir on line programas de estimulación cognitiva". Aínda que algúns servizos coma este último teñen como destinatarios finais os membros da terceira idade, a maior parte do proxecto vai dirixido a aquelas persoas que os teñen ao seu cargo. "Imos formar os coidadores nos domicilios para que saiban como manexar este sistema. Máis do que unha plataforma de difusión, que xa hai moitas no Estado para maiores, queremos crear un recurso xerontolóxico onde, aínda que pode haber contidos de ocio para a xente de idade, ímonos entrar en contidos de saúde". Localización de usuarios, teleconsultas médicas, desenvolvemento de terapias grupais a distancia, localización de usuarios vía GPS... as posibilidades desta proposta son, evidentemente, moitas. E todo desenvolvido no noso país arredor do propio televisor da casa de cada un dos usuarios. No mesmo sentido, este mes visitaba Galicia a representación de "Interven", unha ferramenta informática de Intel que integra tamén no televisión posibilidades coma a videoconferencia e achega ademais a posibilidade de controlar a actividade dos maiores que viven sós mediante sensores repartidos pola casa.
Formación e futuro
Como é evidente queda moito traballo por facer neste campo. Segundo recoñece Millán, tirados os proxectos de inclusión social nas novas tecnoloxías que se promove o Goberno Central, a oferta de formación neste campo para os maiores é aínda ben escasa. Cursos concretos coma os que achegan o Centro da Terceira Idade de Monforte ou os centros socioculturais de Compostela, canda ao mantemento de aulas informáticas nestas instalacións son as principais iniciativas deste tipo das que ten noticia o Grupo de Xerontoloxía no país. De calquera xeito, semella que a situación pode mudar. A inclusión dixital e o emprego das TIC para mellorar a calidade de vida é unha das propostas básicas que se inclúen no plan E-europe 2010 da Unión Europea para difundir estas tecnoloxías. Ao tempo, e xa en Galicia, o Plan Estratéxico para a Sociedade da Información (PEGSI) recolle unha liña e actuación específica para estas idades, que sitúa como "un dos colectivos que manifestan máis claramente a existencia dun risco de exclusión dixital". Para remediar isto, no Plan apóstase pola formación mediante traballos de grupo e coidadores, incluíndo actividades nas residencias. Recóllese tamén o apoio á adaptación de dispositivos e mais á dotación de infraestuturas, e mesmo se adianta a posibilidade de promover unha rede de voluntariado no que xente nova lles ensine aos maiores as posibilidades das TIC.
Así, é de prever, para un futuro próximo, unha maior implicación das persoas de máis idade coas novas tecnoloxías. Exemplos coma o que hoxe supoñen os xa mencionados ou a Asociación Provincial de Pensionistas e Xubilados da Coruña, habituais da rede, hanse multiplicar. "O mesmo que nestes momentos a xente nova non pode vivir sen as novas tecnoloxías e emprégaas a diario, os maiores do futuro imos ser nós e estaremos moi afeitos ás novas tecnoloxías". E xa non vai ser estraño facer videoconferencias cos avós.