O IGAEM presenta a programación de transición cara o novo modelo de rede

Enrédate

O espectáculo N8 OHX da compañía Pisando Ovos inaugura mañá (21:00 horas no auditorio municipal) en Vilagarcía a programación do IGAEM para os vindeiros meses. Unha programación que se agrupa baixo os nomes “Rededanza”, “Redesons Jazz” e “Redesons Clásica” que ofrecerá 330 funcións en 55 teatros e auditorios e chegarán a uns 55.000 espectadores. A programación presta atención a outras disciplinas artísticas como a danza, a maxia e os monicreques, que antes non formaban parte destes circuítos. A súa introdución evidencia o cambio no modelo de Rede, xa anunciado no inicio da lexislatura e cuxa transición xa está en marcha. De todos os xeitos, segundo Miguel Martín, xerente do IGAEM, a finais do outono aparecerá o “decreto que regule o seu funcionamento que se fará efectivo a partir de xaneiro”. Este é un dos piares da anunciada reforma do IGAEM, para o que se pretende unha nova lei que, segundo Martín, “probablemente entrará no parlamento no primeiro semestre do 2007”. Entre as novidades máis próximas figura un portal web no que se poderán ver billeteiras electrónicas.

Máis información no web do IGAEM e sobre a súa reforma na nosa hemeroteca