O teatro en galego conta con máis asistentes nas vilas que nas cidades

O teatro, de perfil

O IGAEM avanzou no transcurso da Feira de Artes Escénicas que o público que acode aos espectáculos programados na Rede Galega de Teatros e Auditorios é maioritariamente feminino (60.2%), novo (entre 25 e 44 anos) e con estudos superiores. Hoxe, o xerente do IGAEM, Miguel Martín, e o Director Xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, avanzaron os datos completos do estudo levado a cabo pola empresa Cidadanía no primeiro semestre. Este informe destaca que o consumo de teatro en galego é máis intenso nos concellos medianos, que o público acode máis en fin de semana (venres e sábado) e que poden chegar a desprazarse ata 17 quilómetros para ir a unha función. Martín confirmou que estes datos orientarán a política de programación da Rede a partir do 2007 e que se centran en cinco liñas: reorientación do centro de documentación, centrado en “dirixir a súa mirada cara o presente”; unha maior ordenación da oferta; mellorar a comunicación (cun portal web); unha política de prezos mínimos que “é un elemento fundamental na percepción da calidade da obra” e unha mellora das produtos teatrais. Nese sentido, está en marcha unha enquisa centrada no nivel de satisfacción de público que se completará no futuro cun estudo de público potencial, dado que este informe non contabiliza aos espectadores que acoden ao teatro programado por outras entidades diferentes do IGAEM.

Mais información e os datos no web do IGAEM e no noso tema sobre os diferentes datos sobre o público galego que asiste ao teatro