Kalandraka presenta en Beijing a tradución ao chinés dun dos seus libros máis coñecidos

Os avós van a China

“Avós”, da editorial Kalandraka, vén de converterse no primeiro libro galego para público infantil que se publica en chinés. A obra, escrita por Chema Heras e ilustrado por Rosa Osuna, acaba de presentarse na XIII Feira Internacional do Libro de Beijing (China), na que Kalandraka foi a participante galega. Esta obra xa estaba traducida ao xaponés e proximamente tamén estará en coreano. A este título seguiranlle outros libros da editorial pontevedresa, segundo un comunicado á prensa de Kalandraka, que foi unha das 37 compañías que estivo presente no Pavillón Informativo do Instituto Español de Comercio Exterior (ICEX) e da Federación de Gremios de Editores de España (FGEE).