O Conselleiro de Medio Ambiente rexeita o plan para a Cova do Rei Cintolo

Gardar o cintolo

O Conselleiro de Medio Ambiente, Carlos Del Álamo, descoñecía o plan do Concello de Mondoñedo e a Deputación de Lugo para abrir ó turismo as covas do Rei Cintolo. Onte, nunha resposta ó grupo socialista no Parlamento, sinalou que o proxecto "non sairá adiante nestas condicións". O PSdeG presentou unha proposición non de lei solicitando que a caverna se declare Monumento Natural, ó igual que xa fixera recentemente a Federación Galega de Espeleloloxía.

A pregunta


O parlamentario do PSdeG-PSOE, Miguel Cortizo, interpelou o pasado martes na cámara ó conselleiro de Medio Ambiente, Carlos del Álamo sobre se o seu departamento consideraba legal o proxecto do Concello de Mondoñedo para a Cova do Rei Cintolo.
Cortizo realizou esta pregunta por vía de urxencia "ante a inmediatez da aprobación da actuación" sobre a zona. O proxecto xa fora recurrido tamén públicamente pola Federación Galega de Espeleoloxía, que consideraba que o conxunto natural desta caverna sufriría graves danos de levarse a cabo o plan de explotación turística das covas.












A resposta


Carlos Del Álamo recoñeceu onte na súa resposta no Parlamento que "non sabía nada" do proxecto de explotación turística das covas e sinalou que, logo de estudialo, ese plan "non sairá adiante nestas condicións".
O parlamentario do PSdeG, Miguel Cortizo, senalou que o conselleiro "coincide con nós en que é unha barbarie" e que Del Álamo "quedou tan perplexo coma min cando coñeceu os informes medioambientais favorables que emitiu o director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Francisco Pan-Mantojo". Pan-Mantojo asinou oficialmente que o proxecto non precisaba dun estudio de impacto ambiental ó non existir lexislación específica sobre a materia. Segundo Cortizo, negar a necesidade deste proxecto de estudio non se atén á lei.












A solicitude

O PSdeG presentou onte unha proposición non de lei na que insta a que a Consellería de Cultura realice un informe sobre a viabilidade das actuacións que pretendía o Concello. Ademais, pide á Consellería de Medio Ambiente que inicie o expediente para declarar a cova como monumento natural e que aplique de xeito provisorio o artigo 25 da Lei de Protección da Natureza para evitar que o Concello de Mondoñedo poña en marcha o seu plan.
O proxecto do Concello incluía o serrado da rocha en puntos concretos para permitir o paso dos visitantes, a instalación de pasarelas e de iluminación artificial e mesmo a posible creación dun circuito pechado de auga mantido artificialmente.