Del Álamo pide un novo proxecto para abrir a Cova do Rei Cintolo ó turismo

As voltas que dá o Cintolo

O conselleiro de Medio Ambiente, Carlos del Álamo sinalou a necesidade de realizar un proxecto de explotación para aproveitar as posiblidades turísticas da Cova do Rei Cintolo. Del Álamo visitou onte a cavidade e reuniuse co alcalde de Mondoñedo, Luis Rego para negociar a explotación das covas. Recentemente a Consellería de Medio Ambiente anunciou a posible declaración deste conxunto coma monumento natural, o que impediría actuacións que alterasen físicamente as covas, co que a proposta promovida polo concello non se podería realizar.

Apoio ó turismo

Durante a visita que o conselleiro de Medio Ambiente Carlos del Álamo realizou onte á Cova do Rei Cintolo, en Mondoñedo, sinalou que apoiaría "o emprego público deste recurso que, doutra maneira, queda un pouco escondido e descoñecido". Segundo el, a posible declaración da cova coma monumento natural "é compatible co seu emprego público".
Aínda que recoñeceu que o concello de Mondoñedo "está a tratar de potenciar, dunha forma moi acertada" as posibilidades turísticas deste conxunto, insistiu na necesidade de "facer un estudio serio, rigoroso, das posibilidades e capacidade, dos posibles impactos e tamén do emprego público" da cova.
Segundo o conselleiro, o amplo informe presentado polo concello de Mondoñedo é en realidade un estudio da Universidade da Coruña. No mesmo sentido pronunciouse Luis Rego, que sinalou que aínda está por elaborar o proxecto de explotación turística.
Del Álamo sinalou que "aquí ninguén quere facer barbaridades, destraozar as covas, ningún disparate. O que queremos facer é desenvolvemento sostible".
O pasado día seis de febreiro, nunha resposta ó Grupo Parlamentario Socialista, o conselleiro sinalaba que a proposta promovida polo Concello de Mondoñedo "non sairá adiante nesas condicións" e que descoñecía previamente a existencia deste proxecto.
A actuación defendida polo Concello inclúe o aserramento de paredes e rochas da cova, a limpeza do chan e a instalación dun circuito pechado de auga para regular o nivel do lago interior. Esta proposta xerou un forte rexeitamento desde a Federación Galega de Espeleoloxía e os grupos da oposición do concello.











Un proxecto polémico


O estudio ó que se refiren Carlos de Álamo e Lois Rego foi realizado por un equipo dirixido por Antón Álvarez Sousa, decano da Facultade de Socioloxía da Coruña. Neste informe, de máis de dúascentas páxinas, analízanse as posibilidades turísticas da cova, así coma a súa importancia xeolóxica, arqueolóxica e ambiental. Ademais, propóñense as polémicas intervencións sobre a cova, desde o aserramento de paredes á instalación de iluminación, a construcción de instalacións exteriores ou o réxime de visitas. Tamén se inclúen orzamentos para as diferentes intervencións e propostas para a xestión do conxunto.
A Consellería de Medio Ambiente recibiu o pasado nove de agosto un estracto deste informe remitido por Antón Suárez coma Director do proxecto de habilitación da cova do Rei Cintolo. Suárez solicitaba que a Consellería avaliase a necesidade de realizar un estudio de impacto ambiental para acometer as actuacións propostas. A día 28 de agosto o Director Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental sinalaba que non era necesario es estudio por non existir lexislación específica sobre as covas.
O pasado día seis de febreiro o deputado socialista Miguel Cortizo, nunha pergunta parlamentaria salientou que esta sinatura realizábase sete días despois de que se aprobase a Lei de Protección de Natureza de Galicia no Parlamento, que de aplicarse imposibilitaría a realización deste proxecto e que aínda non entrara en vigor.
O día seguinte, o alcalde de Mondoñedo, Lois Rego, descalificaba a Cortizo sianalando que "nin o concello de Mondoñedo nin a Deputación presentaron nunca o proxecto de adecuación das Covas do Rei Cintolo á consellería". Sen embargo, na resposta da Xunta recoñécese o Concello de Mondoñedo como promotor do proxecto, e o propio Rego amosara esa resposta nunha xuntanza cos viciños presentándoa coma un informe favorable da Xunta, segundo sinalaron os grupos da oposición no concello.
Finalmente, o alcalde e o conselleiro sinalaron onte que o informe realizado por Álvarez Sousa era "un estudio da Universidade da Coruña" e non un proxecto. Sen embargo, Suárez sinala na carta remitida á Xunta que o informe foi realizado por un equipo contratado polo concello.












Máis noticias

Ademais da visita do conselleiro, as covas xeraron outras noticias nos últimos días. Así o pasado once de febreiro, "El Progreso" publicaba que a consellería está a estudiar a declaración da cova coma monumento natural. Só un día despois coñecíamos polo mesmo xornal que técnicos do Instituto Enerxético de Galicia se achegaron ás covas para analizar como proporcionar enerxía eléctrica á cova con vistas a instalar a iluminación interna prevista polo Concello. Tamén nestes días representantes do club local de espeleoloxía Rei Cintolo se reuniu co alcalde de Mondoñedo para presentarlle as súas propostas con respecto á cova.