A USC e o Concello de Mondoñedo buscan na Cova do Rei Cintolo xacementos arqueolóxicos

Covas da discordia

As Covas do Rei Cintolo adormecían a súa beleza en silencio ata que o Concello de Mondoñedo abriu a caixa de Pandora anunciando un plan de explotación turística. Foi entón cando xurdiu un lume cruzado entre asociacións ecoloxistas, o concello e a Consellería de Medio Ambiente nun debate aínda non concluído. Pero as covas seguen a ser unha mina, de polémica e de recursos que continúa agora coa chegada dun equipo de investigadores na procura de xacementos arqueolóxicos.

Desde a pasada semana seis mozos das facultades de Historia das Universidades de Vigo e de Santiago capitaneados pola doutora en arqueoloxía da empresa Pedra, Cultura e Patrimonio de Vigo, Rosa Villar Quintero, chegaron a Mondoñedo. Na súa maleta non había nin roupas frescas de verán, nin pretendían que esta estadía fosen unhas tranquilas vacacións. Este mes de agosto, pasarano na busca e procura de ósos, de restos dos nos antepasados do paleolítico superior que determinen si as Covas do Rei Cintolo son un xacemento arqueolóxico.



Estas covas son moito máis que unha gruta, que unha paraxe, que unha zona natural, e a interpretación do seu uso, provoca grandes conflictos. E que para uns son un marco privilexiado ó que todos deben acceder; e para outros un encrave que se ha de protexer e de restrinxir. Ou o que é o mesmo, negocio contra natureza. Son dúas vertentes e dúas versións que levantaron ampolas hai uns meses, cando se deu a coñecer a noticia de que as covas poderianse abrir masivamente. E por se fora pouco acaban de aparecer restos óseos do Paleolítico Superior. Un feito que motivou que un equipo da Universidade de Santiago se desprazara todo este mes de agosto ata as Covas do Rei Cintolo na busca de xacementos arqueolóxicos e, de paso elaborase un informe que dese conta das súas posibilidades para a explotación turística.



Pero esta non é unha medida casual, nin un proxecto destinado unicamente a determinar se a zona é un xacemento arqueolóxico, senón unha das últimas medidas que se adoptan para poder determinar se na zona se pode crear un plan de actuación sobre o medio e que avaliarán a súa apertura ó público. Noutras palabras, supón crear un estudio que analice cal é a situación real do medio, o seu aproveitamento a nivel arqueolóxico e a súa posterior avaliación e numeración de cantas persoas poden entrar na cova sen que isto repercuta negativamente no medio.




Unha cova con antecedentes




A chegada deste equipo formado por sete persoas (entre bolseiros, profesores e a directora do proxecto) supuxo moito máis que a presencia dunha investigación e prospección arqueolóxica das covas. É que se van culminando as fases e as etapas que se destapararon en xaneiro deste ano cando se orixinou a polémica sobre a explotación do Cintolo. Todo comeza por estas datas no 2001, cando o Concello de Mondoñedo presenta, ante o estupor da sociedade galega de espeleoloxía, un proxecto para comezar a explotar con ánimo de lucro e a través dunha empresa privada, un dos maiores recursos naturais cos que conta esta zona. Un proxecto que conta coa aprobación do director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Francisco Pan-Montojo. Un proxecto que non é tal, senón que é un informe elaborado por Antón Álvarez Sousa, que fai un repaso superficial ás Covas que permitiría introducir ata 40.000 persoas ó ano e que proporcionaría ó Concello case cinco millóns de euros. Sen embargo, foi en febreiro deste ano cando, ante as protestas de grupos da oposición e asociacións ecoloxistas, cando desde a Consellería de Medio Ambiente deciden prestarlle atención ó proxecto. É entón cando Carlos del Álamo, conselleiro de Medio Ambiente, nega coñecer, en primeiro lugar, un proxecto de explotación turística, que, en segundo lugar rexeita o seu paso. Anuncia así a necesidade de crear un estudio e un proxecto que estableza as características e as necesidades do acordo.




E mentres o Congreso e os medios de comunicación fanse eco das polémica e disputas, as Covas seguen a ser obxecto de investigación por parte de todos os grupos implicados. É mentres a disputa continúa a Sociedade Galega de Espeleoloxía, unha das asociacións máis activas e máis reacias a que se abra a propia cova, solicita que a cova sexa declarada Monumento Natural. Entre os seus argumentos destaca “atópanse especies animais protexidas, como os morcegos, dos cales hai varias especies, todas declaradas de interese especial e un crustáceos único no noroeste peninsular, descuberto no 1987”. E que se declare Monumento Natural implica un grado de protección que contradí ou contravén o uso que se lle pode dar no caso de que siga adiante ese proxecto de explotación turística. Un proxecto que supón abrir a cova a 40.000 persoas anualmente, co conseguinte deterioro que ocasionará no medio, pero que revestiría uns cinco millóns de euros.