Os primeiros resultados dun estudo destacan que o público do teatro en Galicia é maioritariamente feminino

Radiografía do patio de butacas

As mulleres van mais ao teatro que os homes e, se miramos a idade, a xente nova (de entre 22 e 44 anos) vai máis que os maiores. Son os primeiros resultados, e de momento únicos, dun estudo que encargou a nova directiva do IGAEM a principios de ano. O seu obxectivo é coñecer o público, o mercado real e potencial, que axudará a definir as medidas a tomar no sector da escena para convertela nunha auténtica “industria cultural”.

No marco da Feira de Artes Escénicas e Musicais, o xerente do IGAEM, Miguel Martín comentou que “para acadar ese obxectivo (converter o sector escénico nunha industria cultural estable) cómpre crear un mercado, un público amplo”. Por iso, o IGAEM encargou o pasado mes de xaneiro á empresa Cidadanía un estudo para coñecer o público.

Os primeiros resultados
Malia que o estudo aínda está en fase de elaboración e que os resultados non serán públicos ata xullo (e publicados ata final de ano), na rolda de prensa achegáronse os primeiros datos. Unhas cifras que revelan que o público que enche o patio de butacas é preferentemente feminino: un 60.2% fronte a un 39.8% masculino. Pero non só iso, por tramos de idade, a que máis acode ao cine é a que ten entre 25 e 34 anos (cun 31.2%), seguido moi de preto polos que teñen ente 35 e 44 anos (cun 25.8%).

O estudo fíxose no primeiro semestre de ano, entre 503 persoas maiores de 15 anos entre as que encheron un formulario breve cos seus datos de contacto logo de asistir a algunha das actuacións da Rede Galega de Teatros e Auditorios que tiveron lugar no primeiro semestre. De feito, como a mostra está circunscrita a un momento puntual, tamén podemos saber qué espectáculos foron os que concentraron a un maior número de público. “Hamlet” de RTA foi a montaxe máis vista, cun 46.1%, seguida de lonxe por “Carambola” de Lagarta, Lagarta cun 11.5% e Final de película de Áncora Producións cun 8.5%.

Malia que de momento os datos ofrecidos por Cidadanía fan referencia á enquisa telefónica, non será o único método empregado para coñecer o público. De feito, nos vindeiros meses terán lugar varios grupos de discusión (entre grupos con espectadores habituais de teatro e grupos que nunca asistiron ao teatro) para comprobar que elementos de continuidade e ruptura hai no seu discurso e que permitan empregarse para políticas de captación de público.

Por qué o público?
Coñecer o público é unha das cuestións máis básicas, porque permitirá identificar as preferenzas, hábitos e necesidade culturais do público. Será o punto de partida para orientar como se pode programar e como se pode publicitar unha representación escénica para poder captar máis público e convertelo en espectadores asiduos.

Ademais, o xerente do IGAEM apuntou na rolda de presentación da investigación, que existen varias liñas abertas desde hai uns seis meses para a determinación e análise dos asistentes á escena galega. Por unha banda, estase a sistematizara información sobre o público, sobre todo a que del se achega cada mes a través dos resultados do despacho de billetes. Pero non é a única medida para profesionalizar o teatro galego. Paralelamente están a procurar unha maior presenza das representacións na prensa, están en plena fase de creación dun sitio web que conteña un directorio actualizado das compañías e desde o organismo encargado de formentar as artes escénicas e musicais acaban de informar que a próxima convocatoria de axudas primará ás compañías que inclúan criterios de xestión, de creación emprego ou traballos de xestión de públicos. De xeito puntual podemos velo a través de “E-scena” o boletín de información do IGAEM ou doutras iniciativas como o servizo de consultoría laboral, fiscal e contable para as empresas escénicas e musicais.

Os datos do teatro
Ata o momento, as principais fontes de estudo do teatro galego (tanto o que se fai aquí como o que se representa aquí) viña por tres lugares principalmente. Dunha banda, o Ministerio de Cultura co seu estudo “Anuario de estadísticas culturais”; doutra o SGAE co seu “Anuario SGAE das artes escénicas, musicais e audiovisuais” e, por último, o propio IGAEM coa información que compila da súa Rede Galega de Teatros e Auditorios. En todo caso sempre eran cifras relativas a infraestrutura, recadación e asistencia a representacións.

Comezamos polo último, cos datos propios do IGAEM que grazas ao boletín “E-scena” e á súa sección “A Rede en cifras”, sabemos que no período que vai de xaneiro a marzo se representaron 156 funcións, que tiveron unha ocupación media do 49% e que facturaron 86.326 euros.

As cifras do Ministerio de Cultura, son de carácter demográfico relacionadas coa infraestrutura e o equipamento, máis que sobre o perfil do seu público. Grazas aos seus datos podemos saber que aumentaron os espazos escénicos estables teatrais (de 46 no 2003 a 52 no 2004) e que case hai 2 espazos escénicos (1.9) por cada 100.000 habitantes. De todos os xeitos, como toda media, hai unha parte de irrealidade, que aquí se pode ver claramente pola diseminación poboacional que modifica estas cifras. De todos os xeitos, o que tamén se pode comprobar nas cifras do Ministerio é que a maior parte dos espazos escénicos estables son públicos e que os máis habituais teñen un aforo que vai das 200 ás 500 persoas. Ademais, o Anuario do Ministerio tamén ofrece cifras de asistencia relativas a 2004. Segundo este informe medraron o número de representacións en Galicia (de 419 a 468) pero diminuíu a de recadación (pasouse de 2.231 a 1.923) nese mesmo período. Por último, outra das cifras que aparecen neste anuario fai referencia ao incremento de festivais teatrais por comunidade autónoma que pasou de 47 a 50 no 2004, que nos sitúa na quinta posición do Estado con maior número deste tipo de eventos.

Por último, a Sociedade Xeral de Autores (SXAE) elabora todos os anos un informe cos datos que obtén do seu traballo diario de cobro dos dereitos. Por ese motivo, o seu estudo só contabiliza aqueles eventos de pagamento. En xeral, desde a SXAE apréciase que continúa a tónica ascendente rexistrada no último quinquenio e onde a principal novidade pasaba por un sensible incremento da actividade profesional, mentres que a afecionada mantíñase no número de representacións pero diminuía no público. Ademais, o estudo cuantifica en 208.946 o número de espectadores que acudiron máis ao teatro en 2004 que en 2000.

Haberá que agardar un mes para coñecer polo miúdo como son as persoas que ocupan as butacas dos tan cuantificados escenarios teatrais galegos. Unha información que servirá de axuda ao goberno e ás propias compañías e que servirán para mudar a temporalidade e a pouca estabilidade do sector.