Vigo acolle a rodaxe de "El color de agosto", dirixida por Marta Larralde

Comeza a rodaxe

O nome de Marta Larralde comeza a ser coñecido nos circuítos cinematográficos de todo o Estado. Se ata o de agora o seu principal mérito era o de protagonizar "Lena", agora inicia o seu traballo coma directora con "El color de agosto", que se está a rodar en Vigo. Tamén en Carballiño hai estes días actividade cinematográfica. O Cine Clube Carballiño vai producir a dúas curtametraxes, que se rodarán antes das Xornadas de Cine e Video de Galicia (Xociviga), que se celebrarán a finais do mes de xullo.


Ópera prima


Hai un ano comezou a súa carreira como actriz protagonizando a película "Lena". Estes días estréase coma directora coa curtametraxe "El color de agosto" que se está a rodar no barrio vigués de Alcabre. Marta Larralde conta cun equipo composto polos seus compañeiros da Escola de Imaxe e Son e coas actrices Sonia Castelo, coñecida pola serie "Rías Baixas", e Elena Atienza, que ata o de agora desenvolvera o seu traballo no teatro. Tamén o cámara, o director de fotografía, a maquilladora e o perruqueiro son profesionais. "El color de agosto" etá baseada nunha peza teatral de Paloma Pedrero que narra o encontro entre dúas antigas amigas que se separaran por causa dun home.

Carballiño


O Cine Clube Carballiño, que foi noticia recentemente polos problemas que están a atopar para realizar as Xornadas de Cine e Video de Galicia (Xociviga), volta á actualidade ó anunciar onte que van producir senllas curtametraxes. O primeiro dos filmes, con guión de Manul Nanín, levará o título de "Despertar en París", durará dez minutos e é lunnha sátira da vida nunha vila como é Carballiño. A rodaxe realizarase en formato de dezaseis milímetros e realizarase un casting na cidade para conseguir actores. O segundo proxecto é "Boa noite, lúa", adaptación dun relato guionizado por Plácido Baranda. Cunha duración prevista de doce minutos, contará co a colaboración de trinta alumnos de Imaxe e Son e filmarase en película de trinta e cinco milímetros. O Cine Clube iniciará unha campaña para recadar fondos e poder ter rematada a rodaxe antes da celebración das Xociviga, previstas para finais do mes de xullo.