O Clown repite protagonismo nos veráns teatrais de Pontevedra

Teatro de risa

No panorama teatral galego hai moitas compañías que se crean, duran uns meses e logo desaparecen. Pero de aí a que haxa unha "que non existe" as cousas son ben distintas. E esa compañía inexistente é "Good Idea Company" que presenta por toda Galicia a súa obra "Cousas de mulleres"; o aperitivo da segunda edición do "Festiclown" que, do 16 ó 22 de xullo, encherá Pontevedra de cursos, actuacións teatrais de clown.

Preludio


A "Good Idea Company", a compañía capitaneada por Iván Prado (recuperador do clown en Galicia) presenta estes días por toda Galicia un avance do que será a segunda edición do Festiclown de Pontevedra. E faino con "Cousas de mulleres", "unha loucura permanente, na que esta panda de camicaces do nariz tíranse en caída libre sen paracaídas". A obra que se paseará polos escenarios das sete cidades máis importantes de Galicia comezou o seu periplo onte en Compostela, no centro Don Bosco.


Un festival moi solidario


Do 16 ó 22 de xullo Pontevedra converterase no referente internacional do Clown. É a segunda edición do Festiclown que pretende recuperar esta forma de espectáculo teatral e estendela por toda Galicia. Unha consideración que segundo Iván Prado, organizador do evento, é "unha necesidade compatible co compromiso social" . Por ese mesmo motivo, todos os fondos que se recauden no Festiclown serán empregados para construir unha escola na selva Lacandona, no corazón do estado mexicano de Chiapas.



Novidades e programas









O movemento do Clown comezou hai dous anos, como unha recuperación dun xeito de facer teatro. Un ano máis tarde conseguiron fondos do Concello de Pontevedra para festexar o primeiro certame. Este ano o evento xa é moito máis sólido, e presenta un cartel con máis cursos (de iniciación e para profesionais, impartido por Eric de Bont). Ademais, este verán pasaranse por Pontevedra para facer rir ó público nomes tan destacados como Leo Bassi, Jango Edwars, Teatrapo, La Máscara, Kilombreros, Avelino González, Eric de Bont entre outros nomes que servirán de aval de garantía de que este verán as gargalladas máis fortes se darán en Pontevedra.