Ramón Villares elixido presidente do Consello da Cultura Galega por "abrumadora" maioría

Villares presidente

Ramón Villares (Vilalba, 1951) é o novo presidente do Consello da Cultura Galega. A elección produciuse pasada as sete e media da tarde do xoves 20 na biblioteca da Institución e acadou o voto positivo de vinte e tres dos vinte e cinco membros do Plenario. O presidente electo agradeceu o traballo realizado polo seu antecesor, Alfonso Zulueta de Haz, e anunciou que precisará un tempo para avaliar a situación do Consello, non só para coñecer o funcionamento interno da institución, senón tamén para ver a súa valoración exterior, antes de definir as novas liñas de traballo.

Nada máis ser elixido presidente, Villares ofreceu unha rolda de prensa na que amosou a súa disposición de levar a cabo "un tránsito tranquilo de presidencia", ademais de agradecer o apoio "abrumador dos membros do Plenario". Agora, o trámite é notificar a decisión do Pleno ao Consello da Xunta para o seu nomeamento, que sairá publicado no Diario Oficial (DOG).

O presidente electo, Ramón Villares lembrou o papel do Consello da Cultura ao que calificou como o "portaavións da cultura galega". Unha característica que lle outorga a súa composición que segundo a súa opinión lle permite ser unha casa da cultura.

Ramón Villares é o quinto presidente que dirixe o Consello da Cultura Galega desde a súa creación en 1983. Precedérono no posto ilustres persoeiros da cultura galega como Ramón Piñeiro López (1983-1990), Xosé F. Filgueira Valverde (1990-1996), Carlos Casares Mouriño (1996- 2002) ou o propio presidente saínte, Alfonso Zulueta de Haz (2002-2006).

O Consello
O Consello da Cultura Galega é a primeira institución cultural de Galicia, creada o 8 de xullo de 1983 coa súa aprobación unánime no Parlamento de Galicia, de acordo co previsto no artigo 32 do Estatuto de Autonomía e grazas ao esforzo de sobranceiros persoeiros da cultura galega. A súa función é a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego e ser órgano asesor e consultivo da Administración. Está composto por membros representativos das principais entidades culturais da Comunidade e por personalidades destacadas no eido cultural galego. A súa actividade artéllase arredor de trece Seccións (Antropoloxía Cultural, Arquitectura, Artes Plásticas, Ciencia, Técnica e Sociedade, Comunicación, Cultura Galega no Exterior, Dereito, Filosofía e Pensamento, Lingua, Literatura e Industrias da Edición, Música e Artes Escénicas, Patrimonio Histórico e Patrimonio Natural) e catro arquivos (Arquivo de Comunicación, Arquivo Sonoro de Galicia e Arquivo da Emigración Galega e o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia).


Ramón Vllares
Ramón Villares (Cazás, Xermade- Lugo, 1951) é membro electo do Pleno do Consello da Cultura Galega desde 2003, ano no que comezou a dirixir o seu Arquivo da Emigración Galega e a Sección de Cultura Galega no Exterior. É Doutor en Historia desde 1980 e Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela desde 1987.

É autor de máis de setenta publicacións, entre as que destacan libros como La propiedad de la tierra en Galicia, 1500-1936, (1982), Foros, frades e fidalgos, Estudos de historia social de Galicia, (1982), Galicia. A Historia, (1984) (con versión en lingua española e portuguesa), Figuras da nación, (1997), El mundo contemporáneo, siglos XIX y XX, (2001) (en colaboración con A. Bahomonde) e Historia de Galicia (2004). Tamén foi editor de libros como Donos de seu, (1988) e de Señores y campesinos en la península ibérica, siglos XVIII-XX, (1991) (en colaboración con Pegerto Saavedra).

Decano da Facultade de Xeografía e Historia (1986-1990) e Rector Magnifico da Universidade de Santiago (1990-1994), membro fundador e Presidente (1996-2002) da Asociación española de Historia Contemporánea, foi Director en Galicia da UIMP desde 1998 ata 2006. Dirixiu dezaseis Teses de doutoramento e vinte Memorias de Licenciatura, ademais de ter sido tamén Investigador Principal de cinco Proxectos de Investigación (CYCIT e Xunta de Galicia), así como de varios Convenios de Asistencia Técnica.
Realizou estadías de investigación na Universidade de Bologna (Italia) e no centro "Alcide Cervi" de Roma, ademais de ser Profesor convidado na Ecole de Hautes Etudes (París) e no Instituto de Ciencias Sociais (Lisboa). Forma parte do Consello Editorial de Marcial Pons, Ediciones de Historia e pertence ao consello asesor de revistas como Ayer (M.Pons Ediciones de Historia), Historia Social (Valencia), Hispania (Madrid), Ler Historia (Lisboa) ou Perspectivas Históricas (México).