O Salón Teatro compostelán acolle desde hoxe a Mostra de Danza

Recalada en Santiago

Primeiro estivo en A Estrada (Pontevedra), logo en Ribadeo (Lugo) e agora chega a Santiago. É a Mostra de Danza que está a introducir en Galicia as novas tendencias do baile contemporáneo e moderno. A compañía viguesa "Dobre xiro" é a encargada de abrir hoxe no Salón Teatro esta mostra que se prolonga ata o vindeiro domingo.

Un cometido promocional



Na presentación do evento en Compostela. o conselleiro de Cultura, Jesús Pérez Varela, destacou o interese crecente do goberno por fomentar este tipo de danza. Para iso, deseñaron unha mostra itinerante (con seis escenarios de exhibición) que trae cinco grupos: tres galegas e dúas catalanas. O evento, organizado pola conselleria de Cultura e o Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), pretende deste xeito fomentar un público estable e asiduo a este tipo de espectáculos. Todas as obras representaranse no Salón Teatro ás nove da noite.


Programa galego

Existen poucas agrupacións e centros en Galicia que se adiquen ó ensino e promoción da danza moderna e contemporánea. Os que existen, basicamente compoñen o cartel desta Mostra. A compañía viguesa, "Dobre Xiro" é a encargada de abrir a mostra con "Situacións curtas", tres obras curtas de tres coreógrafas. Mañá xoves, a compañía coruñesa "Druída danza" ofrece con "En espera" a situación de cinco bailaríns agardando pola súa personaxe, con esperanza e desesperanza. En último lugar, a representación galega conclúe con "Ballet Studio Compañia de Danza" de Santiago con "Cadaquén", unha obra en dúas partes que pretende reflectir a vida cotiá, desde o consciente ata o inconsciente.


Compañías catalanas


Dúas agrupacións catalanas completan o cartel desta mostra de Danza. En primeiro lugar actuará "Nats Nus Dansa", que o día 18 de maio interpretará "Set", unha viaxe a través das sete artes. A outra agrupación, "A compañía de Mar Gómez" debutará o 20 con "Hay un pícaro no curral", volve ó Século de Ouro español, para recoller a historia dun grupo de comediantes de curral.