A cidade do Lérez acolle a IV Mostra Internacional de Danza de Galicia

Danzando por Pontevedra

Pontevedra será desde mañá ata o vindeiro domingo a capital galega da danza. E isto débese a que acolle a cuarta edición da Mostra Internacional de Danza, coa que cinco compañías de baile galegas catalanas e portuguesas, e quince escolas de danza amosarán as últimas tendencias e creacións no panorama actual.

Cartel ata o domingo



Durante seis días, cinco compañías e quince escolas de danza servirán para acoller as novas tendencias do panorama da danza actual. As actividades desenvólvense no Teatro Principal e no Pazo da Cultura de Pontevedra ás doce da mañá. O mércores con "En espera" da compañía Druida Danza e o xoves con"Cadaquén" de Ballet Studio no Teatro Principal. E pola noite, ás nove, ese mesmo xoves a compañía catalana de Mar Gómez interpretará no Pazo da Cultura "Hay un pícaro en el corral". O venres a tamén catalana Nats Nus Dansa interpretará "Set" no Pazo da Cultura. O programa de actuacións complétase o sábado co maratón de danza, a partires das sete e media da tarde no Pazo de Cultura. Un maratón no que quince escolas de baile de toda Galicia ofrecen as súas creacións. O programa remata o domingo coa compañía portuguesa Cedece Danza con "Só dança 2001" ás nove da noite no Pazo da Cultura. O programa tamén inclúe unha exposición fotográfica sobre "Cinco anos de danza pública en Andalucía, realizada polo Centro de Documentación das Artes Escénicas daquela comunidade en Colaboración co Igaem.


Organizadores e prezos



As sesións custan unhas 250 pesetas para os escolares (ós que están dirixidos as sesións das doce da mañá), mentres que as funcións que se realizan ás nove da noite teñen un prezo de seiscentas pesetas. Ademais, para popularizar este evento a organización, que corre a cargo do Igaem e do Concello de Pontevedra, ofrece bonos e distintos descontos para estudiantes e xubilados.