A Fundación Rosalía convoca un concurso para aproveitar a obra da escritora noutras materias distintas de literatura

Moito máis que literatura

Ata o día de hoxe Rosalía de Castro era unha referencia obrigada en todos os libros de texto, pero sempre nas aulas de lingua e de literatura galega. A fundación que leva o nome da escritora máis universal da literatura galega, convocou un proxecto para dar a coñecer que a obra de Rosalía tamén se pode aplicar nas materias de matemáticas ou de historia.

Helena Villar é membro do Padroado da Fundación Rosalía de Castro e unha das impulsoras do premio Rosalía de Castro para experiencias pedagóxicas. Co seu coñecemento da obra rosaliana Helena asegura que “está claro que se pode traballar a Rosalía desde moi diferentes perspectivas”. Nisto consiste o premio, en “conseguir que a obra de Rosalía se empregue nas aulas de todas as materias”. Segundo o seu criterio, o traballo da poeta de Padrón “é fantástica para ciencias sociais, para a xeografía, a historia, para ciencias naturais, para plásticas, e mesmo para as matemáticas porque hai poemas preciosos que falan de cousas numerais que poden ser utilizados en clases de matemáticas para alumnos de calquera idade”. De feito, Helena considera que “non se pode explicar a demografía galega sen Rosalía. Como é unha base para a historia é unha base para todo”.

¿Como se pon en práctica ese obxectivo?
O mellor exemplo é a práctica. Conscientes desta realidade desde a Fundación Rosalía de Castro convocaron un premio para experiencias educativas. Estaba dirixido a mestres e pedagogos para potenciar o coñecemento de Rosalía e da súa obra. Ao principio, explica Helena Villar, “foi para conmemorar os 25 anos doutro premio que convoca anualmente o Padroado para mestres e pedagogos ademais da intención de converter a Rosalía nun elemento dinamizador da riqueza do país”. A resposta docente foi tan significativa que, malia que a Fundación non tiña previsto convertelo nunha convocatoria anual, acaban de dar a presentar as bases da segunda edición.

Helena explica que ao “primeiro premio presentáronse propostas, como non podía ser doutra maneira nunha convocatoria tan aberta, moi diferentes. O primeiro premio foi un traballo interdisciplinar con motísimos alumnos e profesores do IES Rosalía de Castro de Santiago. Empezou nas aulas de humanidades e terminou nunha magna exposición da obra de Rosalía Ilustrada, cada poema dos tres grandes poemarios ilustrados por un alumno. O segundo premio foi para unha proposta pedagóxica moi interesante na que os alumnos empregaron audiovisuais, banda deseñada...”. Precisamente no uso de novas tecnoloxías é un dos aspectos nos que máis se incide desde a propia convocatoria. Helena Villar redunda en que “está convocado desde o ámbito pedagóxico máis avanzado porque contempla que se utilicen as novas tecnoloxías, que se atenda a diversidade, que se implique o maior número de profesores nas experiencia e mesmo a comunidade educativa”.

Os traballos
“Sorprendéronnos todos os proxectos pedagóxicos empregados” comenta Helena. Pero houbo de todo, “desde un colexio da Pobra do Caramiñal que ten unha aula propia que se chama Rosalía ata os audiovisuais do colexio de Maceda; o teatro e mesmo o uso da obra de Chano Piñeiro “Mamasunción”en As Pontes. Os alumnos do colexio de Catoira, que conseguiron implicar aos pais e que mesmo fixeron visitas cos nenos á Casa-Museo”. O resultado destes traballos é propiedade da Fundación Rosalía de Castro, quen tentará editar unha guía de materiais docentes para empregar nas clases. Helena Villar explica que “se non temos financiamento suficiente para facer unha edición en formato libro, deixaremos as fotocopias na Casa-Museo para libre consulta dos centros de toda Galicia”.

De momento, cos materiais que deu de si a primeira edición do premio montaron unha exposición que estivo colgada na Casa-Museo en Padrón e que agora, dada a súa dimensión, pretenden facer unha escolma e levalos por toda Galicia.

A segunda edición
A fundación Rosalía de Castro vén de presentar a convocatoria da segunda edición, cun primeiro premio de 3.000 euros e diploma acreditativo para os autores e, un lote de libros para o centro, ademais dun segundo premio de 1.500 euros e diploma acreditativo para os autores e un lote de libros para o centro.

Con esta edición, refórzase a dimensión didáctica que ten a obra de Rosalía, esperando que nesta convocatoria haxa máis docentes que se animen a traballar nun proxecto que abrangue a todos os campos e a todos os niveles escolares.