Galiciana publica en epub dezaseis clásicos da literatura de Galicia

Inclúen a autores como Rosalía de Castro, Curros, Lamas Carvajal ou Sofía Casanova

A Biblioteca de Galicia creou un servizo para a descarga de clásicos da literatura de Galicia -en galego ou en castelán- en formato epub, para poderen ser lidos desde libros electrónicos. Entre as primeiras dezaseis obras, están obras de Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Pondal, Lamas Carvajal, Xoán Xesús González ou Marcial Valladares, todas obras libres de dereitos de autor. Galiciana realizou a conversión a formato electrónico a partir das primeiras edicións dos textos. O micrositio "Clásicos da literatura galega" inclúe tamén novelas en castelán de Rosalía de Castro, Pérez Lugín ou Sofía Casanova.