Edición orixinal de Con pólvora e magnolias. Fonte: Universidade de Vigo
Hai xa medio século que Xosé Luís Méndez Ferrín revolucionaba a poesía galega coa publicación de Con pólvora e magnolias. A importancia deste volume, considerado como a obra de referencia da lírica galega contemporánea, porase de relevo neste 2026 cun programa que desenvolverá o Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo, xunto coas fundacións Rosalía Castro e Curros Enríquez e Alvarellos Editora.
Un simposio internacional, unha reprodución facsimilar da obra de Ferrín, recitais e unha edición multilingüe do poema Reclamo a libertade pró meu pobo son algunhas das propostas que se desenvolverán ao longo dos vindeiros meses. De xeito máis concreto, o simposio celebrarase durante o primeiro cuadrimestre do vindeiro curso a reflexionar sobre o significado e o impacto da obra nas letras galegas, tanto do seu momento como na actualidades.
De xeito máis inmediato, para este mes de maio está prevista a publicación dunha edición facsimilar do poemario a cargo de Alvarellos Editora cunha primeira tiraxe de 500 exemplares. Ademais, a Fundación Curros e a Rosalía de Castro acollerán recitais de homenaxe ao traballo de Ferrín.
Segundo destacou o presidente Fundación Rosalía de Castro e docente da Universidade de Vigo, Anxo Angueira na presentación da iniciativa, este é "un libro emblemático, de culto, que causou grande impacto cando se publicou e polo que non pasa o tempo". "Sitúase nunha encrucillada política, histórica e literaria", aseverou Angueira, "a poesía galega está hoxe na vangarda da poesía española e mesmo europeo e iso empezou con esta obra", asegurou.

