BD Banda presenta os dous primeiros volumes da súa nova colección de albumes

Albumes de BD... Banda

Unha selección das series “Fiz nos Biosbardos” de Kiko da Silva e “Thom” de Andrés Meixide, compoñen os dous primeiros números da nova colección de albumes “BD Banda”. Os contidos supoñen unha escolma de historias xa publicadas na extinta revista “Golfiño” onda outro material extra coma entrevistas aos autores ou ilustracións de homenaxe doutros debuxantes galegos. Esta nova proposta, artellada pola asociación homónima coa colaboración da Editorial Kalandraka, supón a edición de mil cincocentos exemplares de cada un destes volumes, que se distribuirán desde o comezo de 2005 a librarías de todo o país e chegarán ao público ao prezo de trece euros. A asociación agarda poder continuar con esta liña editorial presentando novas obras inéditas e anuncia un novo número da revista “BD Banda” para o primeiro semestre do ano.