Vigo e Ferrol inauguran mañá o Salón e a Feira do Libro

Libros do III ó XIII

O libro é o protagonista indiscutible desta fin de semana en Ferrol e en Vigo. Pero en ambos os dous sitios con convocatorias diferentes. Na cidade departamental celébrase a XIII edición da Feira do Libro, mentras que o III Salón do Libro que está de rota por cidades galegas, chega á cidade olívica. Dúas citas que concluirán o día 17, coa celebración do Día das Letras Galegas, e o 20 deste mes.

Salón III




A III edición do Salón do libro chega mañá a Vigo. Logo de estar en Compostela cun grande éxito de público e vendas, vintetrés editoriais e catro mil obras en galego chegarán á viguesa Praza de Compostela. É o segundo percorrido dun Salón do Libro que levará novidades editoriais e actividades de animación á lectura a Ourense, Lugo, Ferrol, Pontevedra e A Coruña. Á cita viguesa, organizada pola Asociación Galega de Editores, acudirán os literatos galegos Xurxo Borrazás ou Xavier Queipo.













E a Feira do libro chega á edición XIII




O Real Coro Toxos e Froles inaugurará mañá, como é habitual, a XIII Feira do Libro de Ferrol. Unha cita que tarerá ó Cantón de Molíns teatro, música, obradoiros de papiroflexia, reciclaxe e, por suposto moitos libros. A sinatura de exemplares corre este ano da man de Chus Lago, Alfredo Conde, Lola Beccaría, que xa teñen cofirmado a súa presencia. Pero esta edición do salón preséntase máis pensada para os nenos ca nunca. Por iso desde o concello organizáronse unha serie de actos destinados para os máis pequenos e tendo o libro como finalidade última. Ademais dos contacontos, que terán lugar na Cafetería Vétula o 13 de maio, o grupo Trebellar Monicreces escenificará a obra "A rúa das pantasmas" e actriz Zezilia Meléndrez presenta o espectáculo "O garavanzo, o sapo e o zapato ou como atopar a media laranxa". O teatro chega da man da formación de monicreces "Seis-dedos" interpretará "O cego de Monifantes" o xoves 17, un día despois, o 18 haberá unha actuación do grupo de teatro na rúa "Os Quinquilláns".