O vintecinco cabodano de Otero Pedrayo motiva numerosos actos

25 anos sen patriarca

| Santiago.Redacción | Seccións: Literatura
Compartir:

Un ciclo de conferencias congrega en Ourense a destacados especialistas sobre a figura de Otero Pedrayo. Hoxe celébrase unha ofrenda floral ante a tumba do que é considerado o Patriarca das Letras Galegas. A revista "Raigame" edita un número monográfico sobre o polígrafo, ó que se suman varios xornais editando varias monográficos sobre el. E para xuño prevese un congreso en Ourense para analizar polo miúdo a figura deste autor. Son os actos que conmemoran os vintecinco anos da morte do ourensán


A ofrenda

O primeiros dos actos para conmemorar o aniversario da morte de Don Ramón é a ofrenda floral que se celebrará esta mesma tarde ante a súa tumba no cemiterio de San Francisco. Este acto, organizado pola Fundación Otero Pedrayo, conta coa participación de representantes de diferentes colectivos culturais e de institucións coma a Deputación e o Concello de Ourense. No acto, que comezará ás oito da tarde, intervirá Carlos Casares, director da Editorial Galaxia e presidente do Consello da Cultura Galega, daráse un responso e a Coral de Ruada interpretará o himno.

Arredor de si

Un ciclo de conferencias analizará, a partir do día catorce de abril, a vida e obra de Otero Pedrayo nas súas máis variadas vertentes da vida e da obra de Don Ramón Otero Pedrayo. Así, Miguel Anxo Araújo, bispo emérito de Mondoñedo-Ferrol falará sobre "A relixiosidade de Don Ramón". Ó día seguinte, Julio Francisco Ogando impartirá a conferencia "Dous mestres de Don Ramón". As conferencias continuarán o día 23 cunha análise da faceta xornalística de Otero a cargo de Marcos Valcárcel. O 24 celebrarase unha mesa redonda sobre "O Otero que coñecimos", na que participarán Juan Luis Saco, Manuel Rego Nieto, Segundo Alvarado e Pura Vázquez. Para o 25 está prevista a conferencia "Ourense visto por Otero Pedrayo". O día tres rematará o día tres de maio coa reproducción sonora da charla de Pedrayo "Terras e xentes de Ourense", pronunciada en Bos Aires en 1959. Os actos celebraranse no Edificio Simeón da Cidade das Burgas ás oito e cuarto da tarde.

Homenaxes futuras e outras cousas

Coincidindo co comezo do ciclo de conferencias realizarase a presentación dun número monográfico da revista "Raigame" dedicado á figura de Don Ramón. Este monográfico súmase ós que xa publicaron a comezos deste ano "La Voz de Galicia" e "O Correo Galego". Para os días vintedous, vintetres e vintecatro de xuño celebrarase en Ourense un importante congreso que analizará polo miúdo a figura do ourensán. Organizado pola Fundación Otero Pedrayo e a Consellería de Cultura, desenvolverase entre o Edificio Simeón de Ourense e o Pazo de Trasalba.

Que che parece esta nova?
41 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito