Fernández del Riego abandonará a presidencia da Real Académica

Del Riego marcha

Francisco Fernández del Riego abandonará a presidencia da Real Academia Galega (RAG) en novembro, segundo informan hoxe varios medios galegos. O actual presidente abandona o cargo que veu ocupando desde 1997 coa reforma dos estatutos da Academia feita e logo dun período que se considera o máis aberto da institución.

Chegada e partida




A toma de posesión de Del Riego coma presidente da RAG tivo lugar en 1997, coma candidato de consenso despois da dimisión de Domingo García Sabell despois de vinta anos no cargo. Nas súas mans ficaba a modificación dos estatutos da institución e a súa integración de modernidade. Baixo o seu mandato produciuse a reforma, que dotou a Academia dun regulamento de rexime interno. En xeral considérase este período coma un tempo de apertura na institución. Entre as incorporacións destes anos, nomes destacados coma Antón Santamarina, Xosé Luis Franco Grande, Ramón Lourenzo, Xaime Isla Couto, Albalat ou as recentes incorporacións de Francisco Fernández Rei ou Xosé Luís Méndez Ferrín.













¿Que será?




Del Riego non comentou nada sobre a súa posible sucesión, a pesar de que cando accedeu o cargo sonaban os nomes de Constantino García ou Torres Queiruga para ocupar ese posto. Logo de que a reforma estatutaria provocase a existencia de cinco vacantes, prevense próximas incorporacións á Academia, para o que Del Riego propugna un maior número de mulleres e de xente nova. Entre os nomes que soan, o actual presidente manifesta o seu apoio á candidatura de Xohana Torres. Ademais, Del Riego sinala a necesidade de que se proceda á catalogación de fondos da Academia, ademais de proxectos pendentes como a publicación dunha Gramática da Lingua Galega ou dun novo diccionario.






Proxectos persoais

Logo da súa marcha, Del Riego prevé continuar coa publicación de epistolarios. Despois das cartas de Ramón Piñeiro, que saíron recentemente do prelo, en breve se publicará a correspondencia que mantivo con Rodrigues Lapa. Para máis a posteriori prevé a edición dos seus epistolarios con Luís Seoane e o exilio de Buenos Aires, que segundo Del Riego, clarificarán en grande medida as relacións do galeguismo interior e o do exilio durante a época franquista.