O Ciclo Tándem pon en diálogo propostas musicais no Teatro Colón

A Deputación da Coruña organiza a iniciativa ao longo do mes de outubro

Grande Amore xunto a Verde Pato; Caamaño&Ameixeiras e Sús; Nacho-Faia-Lar e Rita Payés, e Emilio José xunto a Suelen Estar Quartet compoñen o programa da primeira edición do Ciclo Tándem. O Teatro Colón da Coruña acolle ao longo das fins de semana de outubro esta nova proposta coa que a Deputación da Coruña quere promover "un diálogo entre a nosa tradición e outras linguas e sensibilidades, coa raíz galega como punto de partida".

Segundo explicou a Deputada de Cultura Natividade González, os proxectos participantes neste ciclo "compartirán escenario e irán máis aló das súas propostas individuais para mesturarse e ofrecer algo único". Así, segundo sinala a presentación do programa "este ciclo rompe coas convencións asumidas polo circuíto de festivais mediante un póquer de binomios exclusivos en vivo onde, en varios momentos da actuación, combinan o seu ADN musical, sempre co punto de unión entre a rica idiosincrasia da nosa tradición, que neste ano se funde en diferentes maridaxes coas culturas portuguesa, catalá e vasca".

Grande Amore e Verde Prato abren o programa o vindeiro 5 de outubro. Para o sábado 18 está previsto o encontro entre Caamaño&Ameixeiras e Sús. Para o día 19 poderá verse a conxunción entre Nacho-Faia-Lar e Rita Payés, mentres Emilio José e Suelen Estar Quartet serán os encargados de fechar o ciclo. O acceso aos recitais é por convite que se pode retirar no web Ataquilla.com.