A avogacía galega presenta un portal ofrecendo asesoramento lingúístico

A lingua dos avogados

O Colexio de Avogados de Galicia acábase de sumar ó carro das novas tecnoloxías coa presentación do seu novo portal: avogaciagalega.org. Un portal que ademais de ofrecer servicios a toda comunidade xurídica presenta o SAL, un proxecto de asesoramento lingüístico xurídico. Unha iniciativa que pretende contribuir, mediante un diccionario e fichas á normalización da lingua galega no ámbito xurídico.


Normalización xurídica





O dereito xurídico que rexe en Galicia está en español. Por ese motivo, un equipo formado por Alberte González e Antón Gómez comezou hai tempo a desenvolver un proxecto dunha solución normativa que permita empregar o galego nos procedementos xurídicos. Nacía o proxecto COM-FORMA, que despois daría lugar ó portal avogacíagalega.org, o primeiro portal xurídico galego. Un portal formado por colaboradores do ámbito lingüístico por especialistas en linguaxe xurídica e administrativa galega que exercen o seu traballo en diversas institucións de Galicia e que levan tempo buscando solución parcial e provisional a tódalas dúbidas e incertezas que supón a implantación da lingua galega no ámbito do dereito.












Proxectos



O portal xurídico é a punta do iceberg dun proxecto moito máis amplo. De feito polo momento ofrécese na rede unha minúscula parte do que se poderá facer. Os proxectos deste equipo abranguen diferentes partes: dende a publicación de formularios ata a publicación dun léxico técnico do uso xurídico (bases dun futuro diccionario xurídico galego). Un proxecto que serve de asentamento das bases lingüísticas e estilísticas da linguaxe xurídica galega canto ás fórmulas e ó estilo de redacción, xerarquía de conceptos e termos e todo a través dos programas FICHA (que xa está dispoñible nunha primeira etapa máis rudimentaria) e o Programa FÓRMULA (que aínda está en proceso de deseño).