Unha ruta arqueolóxica permitirá coñecer os castros de Cuntis

Tesouros vellos de novo

A recén creada Fundación Terra Termarum, na que participa o Concello, a Asociación Amigos dos Castros e os veciños propietarios do monte de Castrolandín creará unha ruta turística polos castros do Val de Cuntis que sirva como eixe dinamizador da comarca. Esta zona posúe un dos principais xacementos deste tipo de restos en Galicia.

Nova fundación




A Fundación Terra Termarum presentouse onte na casa da cultura Roberto Blanco Torres de Cuntis. Esta nova fundación nace coa paritcipación do Concello, a Asociación Amigos dos Castros e os propietarios dos montes da zona, e estará presidida polo profesor e escritor Olimpio Arca Caldas. O obxectivo primordial da Fundación é protexer os xacementos arqueolóxicos da zona e canalizar as axudas para restauralos, así como integralos na vida dos habitantes, para o que prevén a construcción dun área recreativa en Castrolandín. Ademais queren recuperar a forma tradicional de celebración do día de San Xoán que se celebraba nun castro.











Da arqueoloxía á cultura



Na busca de como integrar os castros coa vida dos habitantes do Val de Cuntis, a Fundación encargou un proxecto de seguimento ó Laboratorio de Arqueoloxía e Formas Culturais da Universidade de Compostela. O informe emitido deste esta institución recomenda transformar o ben patrimonial en recurso cultural para a comarca e convertelo nun espacio para a acción social. Neste sentido, desde Terra Termarum preténdese rehabilitar algunha edificación da zona para crear un pequeno museo sobre a cultura castrexa. Como proxecto piloto quérese proceder ó control da escavación do castro de Castrolandín, implicando a comunidade na recuperación do espacio natural que o circunda.





Máis cousas



A medio prazo, e buscando que a riqueza arqueoloxica do Val de Cuntis sirva como eixe de desenvolvemento da comarca, Terra Terrarum prevé a creación dunha ruta turístico-cultural polos castros que coroan un grande número de montes da zona. Dentro desta ruta quérese crear un área recreativa e unha rehabilitación dos restos que se atopen.