Só pequenos detalles revelan que David McKenzie non é galego. Quizais os ollos azuis, os zapatos de sendeirismo (estraños nalguén que rolda os cincuenta anos) ou un lixeirísimo acento ao pronunciar os erres e os tes que pasaría desapercibido para calquera que non coñecese a súa orixe. Porque McKenzie fala galego. Fala despacio, pero no por pouca pericia. Faino co ton de quen está afeito a impartir clases, e ollando ao infinito, que neste caso é un inmenso mapa antigo de Galicia que ocupa toda unha parede no Consello da Cultura Galega. E non é para menos, xa que se trata do director do Centro de Estudios Galegos en Cork, Irlanda, que se atopa unha temporada de visita en Galicia.
¿Como naceu o Centro de Estudios Galegos de Cork?
A idea vén de lonxe. Eu antes de estar en na Universidade de Cork estiven en Birmingham e xa daquela lle comentara a Piñeiro que conviña ter un Centro de Estudios galegos no Reino Unido, que coa democracia o nacemento da Xunta e do Parlamento conviña ter algunha presencia no estranxeiro. E el, que sempre era un home moi cauteloso, dixo agarda un pouquiño David porque iso xa se fará pero despois. Ao final adiantóuseme o bo amigo John Rutheford en Oxford, e eu quedei un pouco, non resentido, pero si con algúns ciumes porque eu tamén quería poñer en marcha iso. Máis tarde contactei co entón Director Xeral de Política Lingüística, Manuel Regueiro Tenreiro, que me recibiu ben e mandoume un lector a Birmingham aínda que daquela non existía o Centro. Aquel primeiro lector foi Xelís de Toro precisamente, e tiven bastante sorte con isto. Despois cando se organizaron os lectorados xa se creou en Birmingham un coma Deus ou Fraga mandan.
En 1996 cando me trasladei a Cork, porque estaba farto da Inglaterra da Thatcher e do posthatcherismo. Entón decidín opositar e por sorte nomeáronme catedrático. Chamei a Regueiro entón e díxenlle, vou para Irlanda, non sei se haberá para min un centriño galego e el contestoume McKenzie, onde ti esteas sempre haberá un centro de estudios galegos. E foi así como se fixo. Desde entón hai galego, catalán e portugués no departamento de estudios hispánicos de Cork, de xeito que cubrimos toda a península menos Euskadi, que iso xa é imposible.
A DEMANDA DOS ALUMNOS DEPENDE MOITO, E HAI QUE DICILO CLARAMENTE, DO LECTOR
¿Existe demanda para este tipo de estudios en Irlanda?
Curiosamente si. Temos que poñer un límite porque o alumno, ou mellor dito a alumna de hoxe en día case odia os estudios literarios e ter que ler libros. O que lles interesa son os idiomas e máis idiomas e máis idiomas, pensan que é máis fácil aínda que non sexa certo. Entón dámoslles a optativa en segundo curso. Debo dicir que a complicación é Cork é que son todos ou case todos principiantes. De cento setenta alumnos que temos en primeiro eu diría que cento corenta ou así son principiantes en español. Así que sería moito asumir que escollesen dúas linguas máis coma o catalán ou o galego, de xeito que lles puxemos a barreira de que só poidan coller unha lingua das outras coma optativa. Pero estamos a ter bastante éxito co galego, Martín Veiga, o actual lector, ten esta ano dezaseis alumnos en segundo e unha cifra semellante en terceiro. En Cork podíase dicir, como di o presidente voso, o galego vai ben. A posibilidade de coller outra lingua peninsular é unha alternativa que lles gusta. Un no seu foro interior gustaría de poder pensar que o collen por interese. Pero hai veces que o collen porque non queren estudiar cousas coma Machado ou o Teatro do Século de Ouro, por exemplo. A demanda dos alumnos depende moito, e hai que dicilo claramente, do lector, porque é quen, nun xeito figurado, recluta alumnos. Se saben que o lector é ameno e dá boas clases, apúntanse. Nós temos a sorte de ter alí de lector a Martín Veiga, que tamén é poeta e xa ten experiencia, e iso axuda moito.
O Centro é a principal fonte de documentación sobre Galicia en Irlanda. ¿De que fondos documentais dispoñen?
Temos o que nos permite comprar a subvención da Xunta, que é máis ou menos un millón de pesetas. Pero tamén mandan bastante material desde Galicia, e en conxunto temos unha biblioteca bastante completa, coas obras básicas, as especialidades de cada un dos investigadores de aló... Procuramos que o lector sempre faga algunha investigación mentres está alí, por exemplo Martín está a facer unha tese de doutoramento con nós sobre Avilés de Taramancos. Entón xa temos unha completísima bibliografía sobre Avilés. Así se forman as bibliotecas de todos os tipos, creando primeiro un fondo xeral e adquirindo despois a partir dos intereses propios da xente.
PARECEUNOS INTERESANTE MONTAR UNHA ESPECIE DE SIMPOSIO ONDE O PÚBLICO ESTIVESE COMPOSTO POLOS PROPIOS POÑENTES
Organizan anualmente un coloquio sobre cultura galega. ¿Como xurdiu isto?
Iso foi un invento que fixemos entre todos aló, e leva xa tres edicións. Temos uns fondos para convidar xente a dar conferencias, pero co de galego decidimos seguir un modelo de, ademais, organizar todos os anos un coloquio sobre un tema específico e traer xente de Galicia. O motivo foi que organizar conferencias aló é ata certo punto predicar no deserto. Convidar unha persoa a dar unha conferencia sobre o galego nunha universidade na que pode haber trinta alumnos interesados... Parecíanos máis interesante montar unha especie de simposio onde o público estivese composto polos propios poñentes. O primeiro ano dedicámolo á poesía galega actual, levamos poetas de acó coma Chus Pato con moito éxito. O ano pasado fixemos, ou máis ben fixo Martín Veiga, un simposio estupendo sobre Avilés. Foi un exitazo, porque conseguimos cumprir o noso obxectivo de publicar por fin as actas, que saíron á luz o último día do ano Avilés. Este coloquio tivo a peculiaridade de que fomos capaces de conseguir a proxección pública da poesía nun encontro no que os poetas de Cork responderon cos seus poemas ás traduccións feitas por Martín e por min dos poemas de Avilés. A este acto asistiron case cen persoas, que iso está ben mesmo para Galicia, e ao día seguinte pasamos ás cousas académicas nas que tivemos menos público, porque se falaba maioritariamente en galego.
O ano anterior falamos de linguas minorizadas e coincidimos por casualidade cun congreso de irlandés que comezaba ao días seguinte, e acudiron todos os que viñan a ese encontro. Había un grande interese por parte do público, e foi un encontro que dera tamén os seus froitos pero que non chegamos a publicar. Se o que nos interesa é, como se dicía no século XIX é o progreso das ciencias, os nosos estudios progresan intercambiando opinións e pareceres. E en vez de intentar xuntar público masivo para un tema especializado é mellor xuntar especialistas e despois a ver se ese público accede ao resultado das deliberacións. Este é o noso modelo, e penso que é unha maneira moi fructífera de gastar os cartos que nos dá a Xunta.
¿Por que non se editaron as actas anteriores?
É bastante difícil atopar editor. A Xunta xa non publica coma antes, e ben entendo por qué, porque hai que saber distribuír os libros. Entón tivemos a sorte de coincidir co director de Laiovento que se entusiasmou co proxecto, e xa está.
¿Que outras actividades organizan desde o Centro?
Existe unha fructífera relación con Instituto Cervantes de Dublín. Fun quen de suxerir que convidasen a Irlanda a Suso de Toro, e veu ata Cork e deu unha conferencia e unha especie de seminario máis minoritario con moito éxito. Tamén por esta vía veu Manolo Rivas. Hai que se dar de conta de que o departamento é de español. Eu cando cheguei cambieille o título para o de Departamento de Estudios Hispánicos coa intención de incluír tanto Latinoamérica, coma Portugal, Cataluña e Galicia. Pero é inevitable que eles vexan case exclusivamente o español, xa que se considera máis rendible. A promoción do galego facémola nós. Eu son xefe de departamento e catedrático, e este xeito de actuar responde á miña idea de que hai que lle dar ao alumno unha variedade para que escolla. E Galicia forma parte diso, xa non só polo mero feito de estar incrustada na Península senón tamén pola expansión galega que ten moita resonancia en Irlanda. Porque os irlandeses e os galegos sonche máis ou menos do mesmo xeito, aínda que en canto a celtas non che sei, si polas experiencias en común: a fame do XIX, a masiva emigración cara a continentes novos... por todo iso Galicia ten fácil acollida en Irlanda. Hai unha resposta positiva por parte do Irlandés cando lle explicas onde queda Galicia.
EN CORK, OS LECTORES CATALÁN TEÑEN UNHA CONSTANTE ATENCIÓN POR PARTE DA GENERALITAT, E O MESMO NO CASO DOS PORTUGUESES. ¿E NÓS QUE TEMOS?...
¿Colaboran con outros Centros de Estudios Galegos?
Evidentemente. Con Birmingham e con Oxford temos boísimas relacións, pero as distancias son un problema. Temos moi boa xente nas illas, está Rei Doval en Oxford e cando facemos un evento convidámolo e cando o fan eles imos nós. Non sei se podemos falar de puntos febles na organización dos centros, pero non hai suficiente coordinación a nivel institucional. Eu teño relación cos de Inglaterra e cos meus amigos en Alicante ou en Alemaña, pero son contactos informais. Cumpría unha coordinación, un sitio web mesmamente, unha difusión de información entre os centros. Un exemplo desta situación é o que acontece co Galicia Hoxe que, estéase de acordo ou non coa súa liña de opinión, é o único xornal en galego. Eu teño entendido que nos centros galegos non universitarios reciben a diario no correo o Galicia Hoxe. Nós como pertencemos a outra entidade dentro da Xunta non recibimos este xornal. Eu non lle vexo sentido, porque aínda que podemos acceder aos contidos na rede non é o mesmo que ter unha cousa física na mesa. En Cork, no despacio de enfronte teñen o Avui e unha constante atención por parte da Generalitat, e o mesmo no caso dos portugueses. ¿E nós que temos?...
¿Que proxectos teñen no Centro?
Proxectos non temos ningún, para alén de seguir na mesma liña. Non podemos facer máis. Penso que as limitacións son clarísimas, e ben o dixo Rutheford noutras ocasións: hai que se dar de conta de que estamos a tentar ofrecer dentro dun departamento de Estudios Hispánicos tres linguas máis, mentres que no de francés ofrecen só francés. Temos moito traballo para gañar un alumno, a competitividade é moita. Facemos o que facemos por dedicación, eu fágoo porque quero facelo. Ademais, como xefe de departamento non podo privilexiar o galego por riba do catalán. Aínda que algo se fai, porque, home, o Depor é o Depor. Eu fago o que podo pero coma xefe de departamento teño que manter unha especie de imparcialidade e, sobre todo, de apertura cara a xente, que poidan escoller o que queiran. A miña experiencia de case vinte anos levando un centro galego é que esta é a actitude máis rendible, a xente responde e cada ano caen un ou dous alumnos, que despois veñen a Galicia aos cursos de verán e xa quedan enganchados.
¿Como comezou o seu interese por Galicia?
O meu profesor de instituto tiña unha amiga que era profesora de inglés no Rosalía de Castro, de Compostela, e fixemos un intercambio de enderezos coas súas alumnas. Sería polo ano sesenta ou por aí. Comecei a cartearme cunha delas, e despois, xa na universidade, pasei un ano en Madrid, no curso 63-64. E alí coincidín curiosamente con galegos, sobre todo con Paco Carro, cos Devesa... toda esta xente. Formei parte dunha panda de galegos e despois pasei as vacacións en Galicia, e así me entrou o entusiasmo polo idioma. Cando chegou o intre de escoller un tema para a tese de doutoramento fixen a edición dunha crónica medieval galega, porque eu son medievalista de formación.
ANXO TARRÍO DÍXOME: MCKENZIE, DE HOXE EN ADIANTE NÓS PASÁMONOS PARA O GALEGO E TI TAMÉN
¿Como aprendeu o idioma?
Polo contacto coa xente. Estando en Madrid con esta xente, eles falaban entre si en galego, e eu non daba falado porque estaba aínda aprendendo castelán. Máis tarde o meu primeiro posto de traballo foi no Museo Británico de bibliotecario. E eu non sei por que tiña a tolemia de ser profesor universitario. O que foi un erro tremendo como te podes imaxinar. E conseguín un posto na Universidade pero aínda non tiña a tese rematada. Entón decidín coller o que me debían de vacacións, que como era funcionario tiña bastantes, e rematei a tese de doutoramento en casa de Anxo Tarrío, grande amigo meu. Pasei alí arredor de seis semanas, convivindo con eles, e un día, pouco despois de chegar, díxome Anxo, McKenzie, de hoxe en adiante nós pasámonos para o galego e ti tamén. Porque, aínda que Anxo era falante de toda a vida, a súa muller non tanto, e decidiron dar o paso. Foi no setenta e catro, no verán. E daquela, dada a miña experiencia resultábame bastante fácil, e os amigos foron comprensivos comigo. E despois procurei voltar sempre que puiden a Galicia e fun coñecendo mais xente, máis xente e máis xente.
¿E o seu contacto con Ramón Piñeiro?
Eu asistía con frecuencia á mesa Camilla de Don Ramón. Non sei se foi Paco Carro ou Salvador García Bodaño que mo presentaron, e el interesouse moito por min, como por toda a mocidade. El cultivaba a mocidade como para convencelos de seguir co galego e co galeguismo. E como recoñeceu en min un interesado de fóra mantivemos sempre un contacto moi estreito.
¿Realiza actualmente algún traballo en colaboración con galegos?
Fago con Henrique Monteagudo unha cousa bastante pesada pero que eu penso que é útil para o coñecemento do que se está a facer aquí no mundo anglosaxón. É unha especie de informe bibliográfico que se publica todos os anos en Londres e que son resumos e breves comentarios sobre todo o que se publicou durante o ano anterior en todos os idiomas e en varios eidos sobre Galicia, The years work in modern languages, que o interesante que ten é que pretende ser crítico. Dolores Vilavedra con Derek Flitter encargábanse da literatura galega e nós da lingua. Agora mudamos de equipo e traballo con Dubert e Sousa, pero continuamos niso. É unha cousa que aínda que pareza un traballo de negros, tes a satisfacción de saber que estás a difundir iso en lugares onde igual nin saben que existe o galego, e deste xeito poden acceder a un listado anual do que hai. Supoño que dentro de pouco rematarán publicándoo na rede.
ESTOU A VER SE PODEMOS FACER UN DICCIONARIO DO GALEGO MEDIEVAL
¿Que outros proxectos profesionais ten?
Estou a ver se podemos facer un diccionario do galego medieval. Eu fun parte dun equipo en Estados Unidos, na Universidade de Wisconsin, que foi un dos primeiros proxectos da humanística de empregar o ordenador en traballos de lexicografía. Agora este equipo trasladouse á Hispanic Society of América e lévao un ex alumno meu de Irlanda, e imos tentar aplicar no galego a tecnoloxía que se empregou para estes traballos co castelán. A grande diferencia é que co diccionario en castelán partimos de transcricións dos manuscritos orixinais, porque as edicións en moitos casos son bastante malas. Aínda que se pode dicir o mesmo para o galego, afortunadamente temos a Ramón Lorenzo, penso que as súas transcricións son máis que fiables e entón vou comezar coas obras que fixo el. Trataríase de facer un diccionario histórico cunha cita ilustrativa para cada senso, que recolle a forma medieval e a forma moderna das palabras... Con esta técnica de traballo o núcleo podería ser por exemplo un diccionario feito sobre unha soa obra, e despois pódense ir engadindo máis. Tendo o material dixitalizado é manexable case infinitamente, e sempre que estea metido coa suficiente flexibilidade pódense extraer os datos. A ver como sae, comezar con isto é o meu proxecto para este ano. Vouno comezar eu e a ver se co resultado convenzo outra xente e formamos un equipo, sempre en relación co Hispanics Society.
¿Como se ve desde Irlanda o futuro do galego?
A min tanto me ten, é cuestión do galego de a pé. Pero é obvio para calquera lingüista que por moita controversia que haxa e por moita academia que haxa e que por moito que se escribise sobre a cuestión, a lingua é propiedade do pobo. De se reducir a lingua á escrita xa non é lingua. A grande dificultade que tivo a xente do ILG ou da Academia foi que por causa do baleiro de tantos anos de oficialización víronse no apremo de ter que crear niveis de lingua que non existían e unificar unha lingua fragmentada, e o que fixeron fixérono moi ben. Temos normas, agora unha normativa teoricamente consensuada, pero aínda a xente normal di que non fala ben o galego normativo. E isto é un grande erro porque o inglés normal non fala o inglés normativo, pero é un problema de imposible solución. Eu agardo que a posibilidade que hai entre o portugués e o galego e o castelán e o galego dea algún resultado positivo neste país. Eu como son filólogo, e non lingüista destes refinados, sigo a pensar que a lingua é unha expresión da identidade e se os galegos queren perder a identidade, que a perdan, pero que teñan consciencia do que están a facer.