'A nosa fala', presente nos exames da ABAU

O mapa permite explorar a diversidade lingüística do galego

Os exames da ABAU de Lingua e Literatura II incorporaron este ano o mapa sonoro "A nosa fala" como base para preguntas sobre formas non estándar da lingua galega e os criterios polos que non son aceptados na variedade normativa do galego. "A nosa fala" é a versión interactiva da publicación A Nosa fala : bloques e áreas lingüísticas do galego, editada polo Consello da Cultura Galega en 2003 sobre a base dos traballos levados a cabo polo Instituto da Lingua Galega en décadas para rexistrar as variantes dialectais da nosa lingua. A edición fora a cargo dos profesores Francisco Fernández Rei e Carme Hermida. Pero, ao tempo, A nosa fala é gran repositorio de temáticas e historias diversas sobre a sociedade galega: desde a emigración, a pesca, a agricultura, ata as lendas e os imaxinarios. A nosa fala pode ser explorada no Mapa Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega.