Imaxe do pleno do Consello en novembro de 2022. Fonte: CCG
O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou este xoves unha sesión plenaria na que foron elixidos os novos membros cos que se completa a renovación do Plenario, o máximo órgano de goberno da institución. Eduardo Corbelle (Santiago, 1979), Ramón Nicolás (Vigo, 1966) e Susana Reboreda (Vigo, 1962) entran no pleno mentres que recuncan no posto Alejo Amoedo (Redondela, 1966), Celia Pereira (Rotterdam, 1971) e Cristina Domínguez (Pontevedra, 1965). Anunciouse a apertura do prazo de presentación de candidaturas para a renovación de Presidencia, dado que Rosario Álvarez non continuará por cumprir o tempo máximo de permanencia. A elección terá lugar o mércores 27 de maio.
A biblioteca do Consello da Cultura Galega acolleu a sesión na que se procedeu á remuda de parte das personalidades electivas do Plenario. Cesaron, por cumprir o máximo tempo permitido (dous mandatos), Carme Adán, Xosé Manoel Núñez Seixas e Elena Vázquez Cendán. Alén dos representantes de entidades, renovados o pasadeo mes de marzo, o pleno está integrado por personalidades electas destacadas nos campos da cultura, que foron as renovacións que se fixeron nesta sesión.
Avance de actividade
No informe da presidenta, Rosario Álvarez deu conta do avance de actividade previsto para as vindeiras semanas, nas que destacan as actividades de arredor de Begoña Caamaño, homenaxeada co Día das Letras Galegas. O 8 de maio terá lugar a presentación da tradicional publicación de homenaxe e o día 16, véspera da celebración, o Auditorio Mar de Vigo acollerá a 16º edición do Concerto das Letras Galegas. Unha exposición sobre os 50 anos do Movemento Feminista Organizado Galego; unha xornada sobre o liderado feminino na Idade Media e o quinto Encontro Temático Transversal, no que especialistas recoñecidos analizarán o territorio dende a súa consideración como recurso turístico, son algunhas das actividades previstas.



