Novos membros do plenario do CCG. Foto: CCG
Onte o Consello da Cultura Galega celebrou un plenario no que se procedeu a renovar os representantes de institucións que esgotaran o tempo máximo de permanencia na institución. Tomaron posesión do seu posto e recibiron a insignia do CCG Marilar Aleixandre (Madrid, 1951), en representación da Real Academia Galega; Pilar Bermejo (Santiago de Compostela, 1956), pola Real Academia Galega de Ciencias; Miguel Fernández Cid (Pontevedra, 1956), pola Real Academia Galega de Belas Artes; César Llana (Pravia, 1958), en representación do Consello Galego de Museos; e Paula Pita Galán (A Coruña, 1981), por parte do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. Todos eles foron designados polas respectivas entidades que compoñen a institución. No pleno tamén se abriu o prazo de presentación de candidaturas na quenda de personalidades destacadas da cultura galega, que tomarán posesión no vindeiro pleno. Aprobouse ademais a incorporación de Paula Cabaleiro á comisión executiva.


