Constitúese a comisión para a conmemoración en 2025 do 75 cabodano de Castelao

Dezaoito institucións e entidades participan deste órgano aberto a máis incorporacións

Dezaoito institucións e entidades participan deste órgano aberto a máis incorporacións
Foto: Teresa Navarro /CCG
O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu esta mañá a constitución da comisión para a conmemoración en 2025 do 75 aniversario da morte de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, finado en Bos Aires o 7 de xaneiro de 1950. Na xuntanza participaron representantes do Parlamento de Galicia, o Consello da Cultura Galega, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, das catro deputacións, das tres universidades, da Real Academia Galega, da Real Academia Galega de Belas Artes, do Museo do Pobo Galego, do Museo de Pontevedra, da Fundación Castelao e dos Concellos de Pontevedra, Rianxo e Santiago de Compostela. Na xuntanza acordouse a constitución desta comisión, aberta á incorporación doutras entidades, que coordinará as actividades de conmemoración. O vindeiro 7 de xaneiro terá lugar unha homenaxe no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres que abrirá as celebracións que se sucederán ao longo de todo o ano, a comisión ten como obxectivo levar a cabo unha celebración plural e diversa, aberta a toda a cidadanía.

Na xuntanza, levada a cabo hoxe, participaron Elena Candia, en representación do Parlamento de Galicia; Rosario Álvarez, polo Consello da Cultura Galega; Valentín García, en representación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; Miguel Anxo Seixas, da Fundación Castelao; Jorge Cubela, por parte da Deputación de Pontevedra; César Manuel Fernández Gil, da Deputación de Ourense, e Aurelia Balseiro, por parte da Deputación de Lugo. A Real Academia Galega e a Real Academia Galega de Belas Artes estiveron representadas por Víctor F. Freixanes e Maximino Zumalave respectivamente. Xosé Henrique Monteagudo representou a Universidade de Santiago de Compostela; Benigno Fernández Salgado, a Universidade de Vigo, e María Dolores Candedo, a Universidade da Coruña. En representación do Museo de Pontevedra estivo a súa directora, Ángeles Tilve Jar, e Concha Losada asistiu en nome do Museo do Pobo Galego. Por parte dos Concellos de Rianxo, Pontevedra e Santiago de Compostela estiveron, respectivamente, os concelleiros de Cultura Julián Bustelo Abuín, Demetrio Gómez Xunqueira e Míriam Louzao.

Proposta de 'Ano Castelao'
A coincidir co constitución da comisión, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou onte no pleno do Parlamento que proporá a todos os grupos representados na Cámara a adopción dun acordo para declarar no 2025 o Ano Castelao. Con esta proposta, resaltou, "temos a oportunidade de celebrar a unión de todos os galegos e galegas cun gran pacto ao redor da nosa cultura, simbolizada nunha das figuras clave da nosa identidade" e, xa que logo, "abrimos unha porta a permanecer todos xuntos polo que nos une, permitíndonos levar a cabo accións que poñan en valor os nosos fitos e prestixien a nosa lingua". No ano 2011 os votos en contra do PPdeG impediron que o Parlamento de Galicia instase á Xunta a declarar o 2011 como Ano Castelao a proposta do BNG. O BNG reclamaba que se conmemorase de xeito oficial o 125 aniversario do nacemento do rianxeiro mediante esta declaración institucional. No ano 2000 o concello de Pontevedra xa lle dedicou o ano ao rianxeiro ao cumprirse o seu 50 cabodano.