O economista Carlos Mella Suárez finou hoxe 21 de abril os 96 anos de idade. Carlos Mella foi unha figura destacada da Transición e a conformación da Galicia autonómica. Licenciado en Dereito pola Universidade Complutense e en ciencias económicas pola Sorbona de París, Mella iniciou a súa actividade política como director xeral de política financeira do Goberno español. Entrou na política galega da man da UCD en 1981, e integrouse no goberno de Xerardo Fernández Albor (Alianza Popular) como vicepresidente para asuntos económicos. Desde este posto asistiu e decidiu de xeito central a estrutura económica da Xunta de Galicia. Trátase dun dos escasos políticos que plasmou os acontecementos dese tempo en forma de memorias políticas, como Non somos inocentes (Xerais, 1990), A Galicia posible (Xerais, 1992) ou Memorias dun ninguén (Galaxia, 2009). O seu pensamento, vinculado ao galeguismo e ao nacionalismo de centro, tamén tivo facetas culturais, como a presidencia da Fundación Castelao. No ámbito da narrativa, Carlos Mella tamén tivo publicacións como O protocolo xaponés (Editorial Compostela, 1992), Bieito, Bieito (Xerais, 1993) ou Luces de Fisterra (Espiral Maior, 2005). Precisamente Mella tamén foi, por un breve período de tempo, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

