Imaxe da mostra. Foto: José Suárez
A exposición 'A natureza e o home' pon en valor a figura e obra de José Suárez (Allariz , 1902 – A Guarda, 1974), un dos grandes nomes da fotografía contemporánea así como amosa a súa contribución á memoria e identidade cultural. O Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense acolle ata o 14 de xuño esta mostra organizada pola Real Academia Galega de Belas Artes en colaboración coa Deputación de Ourense, que se insire no marco das celebracións do Día das Artes dedicado ao fotógrafo alaricano.
A mostra está comisariada polo académico e historiador da arte Carlos L. Bernárdez, e ten como asesores a Xosé Luis Suárez Canal –sobriño de José Suárez– e Manuel Sendón. A exposición que propón un percorrido polas xeografías vitais do autor. O fotógrafo José Suárez é unha figura central da modernidade estética galega do século XX. Inicia a súa traxectoria en Salamanca, cidade en que estuda dereito e que será determinante na súa formación intelectual. Alí trata persoalmente a Miguel de Unamuno -auténtico modelo ético para o noso artista e entra en contacto coa Revista de Occidente e o pensamente de Ortega y Gasset. Porén, Galicia será fundamental na súa traxectoria, de feito Suárez vai converterse en referencia na fotografía elaborada por galegos nos anos da República e no longo exilio da posguerra. Son debidos a el algúns dos intentos máis relevantes de crear unha imaxe galega liberada dos tópicos costumistas.
Segundo explica o comisario da exposición, para Luís Seoane, Suárez recollerá "da realidade galega a verdade da vida dos nosos labregos e mariñeiros e a súa mentalidade, imprimindo á súa obra unha alta forma estética pola calidade e autenticidade da fotografía". As palabras de Seoane pódense estender, segundo Bernárdez, ao ámbito universal, aos máis diversos mundos captados polo fotógrafo galego: América, Xapón, o Mediterráneo ou La Mancha.




