O pasado 14 de abril a Universidade de Santiago presentaba o Dicionario Esencial de Psicoloxía. Esta obra, dispoñible na rede, achega ao público a definición en galego preto de 1.500 conceptos esenciais desta disciplina, ademais de achegar as denominacións en español e inglés. O web permite tanto a busca de termos específicos como a navegación alfabética por todos os recollidos.
Xusto Rodríguez Río e Castor Méndez Paz asinan esta ferramenta, que dispón de versións para uso desde computador e desde teléfono móbil. Segundo explica a USC na presentación do proxecto "unha das habilidades esenciais do traballo das psicólogas e dos psicólogos é a capacidade de xerar un estado de proximidade e confianza cos seus pacientes, que permita que estes expliquen abertamente como se senten. Para crear ese estado, é fundamental poder comunicarse con eles na lingua en que se sintan máis cómodos, na que poidan expresarse máis espontaneamente e con maior precisión. No contexto de Galicia, isto implica que o dominio fluído do galego é unha ferramenta relevante para o traballo dun profesional da psicoloxía".
Aínda que enfocado aos estudos de grao e mestrado que se imparten na Universidade de Santiago, a presentación do dicionario sinala que este "tamén pode ser un recurso moi útil para os profesionais da psicoloxía nos diferentes ámbitos (clínico, educativo, intervención social, deporte...)".


