O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o presidente do Consello de Administración do Teatro Nacional São João, Pedro Sobrado, asinaban este 17 de abril no Porto un protocolo de cooperación que reforza a conexión das artes escénicas galegas e portuguesas. Polo mesmo, o Centro Dramático Galego e a estrutura escénica lusa, considerada unha das máis importantes do país, desenvolverán ao longo dos vindeiros catro anos proxectos escénicos comúns.
Segundo indica a Xunta, "o acordo compromete o desenvolvemento de accións conxuntas a nivel de produción e exhibición de espectáculos de teatro, así como no eido cultural, educativo e formativo". Para alén disto, desenvolverase unha programación regular de cada entidade na sede da outra, "así como a organización conxunta de accións paralelas ou complementarias no marco da actividade dos servizos educativos e de mediación, e de iniciativas de formación profesional ou artística".
Canda a isto, contémplase "a acollida recíproca de persoal para o intercambio de experiencias e coñecementos, a cesión de material técnico, vestiario, utilería e escenografía ou a concertación de estratexias de comunicación co obxectivo de favorecer a súa divulgación e impacto público".
O acordo chega logo de experiencias previas de colaboración que deron en propostas como Manuela Rey Is In Da House, Frágua de amor ou espectáculos desenvolvidos no marco do proxecto europeo Nós/Nous, como Na hora dos cans, Iphigenia ou Tartufo. Tamén no ámbito da exhibición houbo precedentes importantes no marco da colaboración entre a Xunta e o TNSJ, como foi a programación na capital de Galicia o pasado ano da produción As bruxas de Salem.




