O esquecemento de Tespis

A recuperación da memoria desta histórica compañía pon de relevo os problemas de conservación do patrimonio escénico

| Santiago. Xermán Hermida | Seccións: espectáculosteatro
Compartir:
O esquecemento de Tespis

Nado nos anos 60 e cunha actividade que se prolongou durante un cuarto de século, o grupo de teatro Tespis supuxo un punto de partida fundamental para moitas carreiras escénicas no noso país. Nomes como Manuel Lourenzo, Victor Mosqueira ou Santi Prego pasaron polas táboas das múltiplas montaxes que abordou esta compañía. Canda a isto, foi pioneira na adaptación á nosa lingua de destacados dramaturgos europeos e na promoción do teatro galego con montaxes únicas. Agora, un libro e unha gala recuperan unha traxectoria que está pendente de recoñecer.

O mes de marzo de 2026 marcou un punto e aparte na memoria do grupo de teatro Tespis. O Teatro Colón acolleu o pasado luns 23 de marzo a homenaxe que a Deputación da Coruña lle dedicou ao que chegou a ser o seu grupo institucional. Antes diso, o día 11, o investigador Francisco Oti Ríos, que tamén coordinou esta gala, presentaba o volume Tespis e o contexto teatral coruñés, no que se compila por ver primeira a traxectoria desta formación. Segundo recoñece o autor, "Tespis quedou dalgunha maneira un pouco solapado ou agochado, pero ten tanta importancia como outros grupos da súa época, e moita máis da que se lle deu ata o de agora". Deste xeito, "a homenaxe da Deputación da Coruña resulta importante para recuperar a historia do grupo e tamén a grande familia que este construíu". 

 

A importancia

A valorar a pegada de Tespis, "penso que ten unha importancia vital. Foi un alicerce do teatro en Galicia por onde pasaron case 150 persoas, das cales moitas están aínda activas tanto na escena como no audiovisual". Deste xeito, o proxecto "desempeñou un papel formativo e necesario do que o seu director, José Redondo, era plenamente consciente". A súa figura resulta fundamental para comprender o desenvolvemento de Tespis ao longo de tantos anos. "Era un grande home de teatro e sabía moverse entre os grandes directores da época, cos que tiña relación". Froito do seu empeño, "o repertorio que xurdíu foi amplísimo e completo, a tocar todos os xéneros, con grandes espectáculos e cunha ampla variedade de autores." 

 

Os nomes

Como grupo deuse a coñecer en 1965 coa estrea de Sin querer, de Jacinto Benavente  a partir sobre todo da traxectoria que xa tiñan Redondo e José Luís Fernández Caramés no teatro universitario da Coruña. Naquel momento ensaiaba nos locais da OJE (Organización Juvenil Española), un espazo por onde pasaban moitos grupos da Coruña. Para alén de compañías da época como Troula ou Trasno, tamén compartían este lugar grupos de música como Escaino, con Luisa Villalta, os irmáns Pereiro e Juan Fernán-Vello, que tamén participaron en espectáculos de Tespis. Alí comezou tamén Manuel Lourenzo, que dirixiu Sonata de espectros de Strindberg, A cantante calva de Ionesco e A derradeira cinta de Krapp, de Beckett, ademais de se inaugurar como actor. Santiago Fernández, Víctor Barús, José Antonio Jiménez, María Pujalte, Feli Manzano, Tuto Vázquez, Santi Prego, Fernando Morán, Eduardo Alonso, Tucho Lagares, Santiago Fernández ou Víctor Mosqueira. Ás veces convidaban outra xente para dirixir, así saíron as tres obras de Lourenzo. Tamén Antonio Simón ou Goday dirixiron. Redondo sabía que coa variedade das propostas se facía formación e iso era algo que lle interesaba moito, tanto a el como aos grupos".

 

Amadorismo e censura

Malia ao peso que tivo a compañía, cómpre ter claro que funcionou de xeito amador durante a maior parte da súa traxectoria. "A profesionalización no teatro galego non existe ata os anos 70", lembra Oti. Aínda que a actividade do grupo se mantivo nesa fronteira entre o amador e o profesional ao longo dos anos, "atopei unha nota, sen data, escrita polo propio Redondo no que indica que a partir dese día o grupo tomou a decisión de facer teatro profesional", unha aspiración que non chegaría a se desenvolver. Para alén da precariedade propia da situación, a actividade de Tespis tivo que enfrontar a censura "que non se abolíu ata o 77. Hai cousas que non sei como conseguiron pasar, debía ser que ao ensaiar nos locais da OJE pensaban que eran afíns ao réxime", explica o investigador. A aposta por textos da dramaturxia internacional e mesmo por nomes do exilio teatral español, como Fernando Arrabal, Álvaro Arauz ou Alejandro Casona foron os principais elementos de fricción neste sentido. Nomes como Noel Coward, Eugene O’Neill, Pushkin, Beckett, Chejov, Edward Albee, Edgar Neville, Bertolt Brecht Valle-Inclán ou Peter Ustinov fixeron parte do repertorio. "Tiña unha boa produción e variedade de espectáculos, mantíñaos en cartel durante tempo", explica Oti.

 

Teatro galego
Cara a 1974 "comezou co teatro galego. A partir dese momento, decántanse mais polo autor galego e traducen os espectáculos de fóra. Foi o primeiro grupo que fixo teatro histórico en Galicia, e o único que levou a escena o texto Os Irmandiños de Daniel Cortezón, penso que foi a única vez que se estreou. Redondo tiña tal capacidade de escrita que fundiu este texto co de O Mariscal, de Cabanillas, nun único espectáculo que titulou Fusquenllos", entre estes a primeira tradución de Na altamar de Mrozek ao galego, que fai Miguel Anxo Fernán Vello". Para alén destas versións "mesmo se decantan por facer montaxes propias con textos do grupo. Montaron un espectáculo case descoñecido que se titula Sinfonía en catro tempos. Parte dun poema de Blanco Amor ao que lle fixo a dramaturxia Manuel María, gustaríame coñecer este texto". Outra propostas destacada do grupo foi "a versión de A noite vai coma un río á que asistiu o propio Cunqueiro. Vas sumando e vese unha traxectoria de labor e compromiso". Dentro da modestia dos circuítos do momento, a compañía "tiña recoñecemento tanto na Coruña como fóra. Participaba en concursos de teatro xuvenil, gañou algúns premios, fixo xiras por Zamora, Valladolid ou mesmo en Barcelona, con espectáculos en galego".


Compañía institucional
Unha peculiaridade de Tespis na historia da escena galega é que "foi o primeiro grupo institucional no país", explica. "A Deputación encargoulle que fixese o que eu considero o primeiro circuíto de teatro provincial galego, chamado Teatro nas vilas, en 1975". Con este programa, a compañía " vai a practicamente todos os concellos da provincia. Este é un proxecto anterior á Autonomía que define o sistema teatral. A partir dese apareceron outros circuítos, pero foi unha proposta moi significativa de distribución e supón a inauguración dunha política teatral institucional sólida". Mostra do interese pola formación de Tespis é outra proposta que desenvolveu o grupo durante varios anos. "Tiñan unha rede nos centros de ensino da Coruña nos que coordinaban grupos de teatro. Con isto sabían que estaban a crear canteira para o futuro, e realmente desta experiencia saíron actrices e actores que tiveron o seu lugar no sistema teatral galego", lembra Oti. O grupo mantívose ata 1990. "Con menos actividade, pero seguiron a facer cousas. Deixaron a asociación coa Deputación por algún desacordo e a partir de aí foron esmorecendo pouco a pouco, a manter o traballo con moi poucos actores e facer algunha cousa". A propia profesionalización do teatro galego, con moitas das persoas que colaboraban coa compañía implicadas noutros proxectos, ou a propia idade do equipo influíu tamén neste declive. Desde entón, a historia do grupo ficou nun relativo esquecemento. Neste 2026 "xa restituímos un pouco a súa memoria coa homenaxe no Teatro Colón. Despois de tanto tempo conseguimos recuperar case medio cento de persoas vencelladas ao proxecto que subiron o escenario. Iso e mais o que recollín no libro penso que abre as portas a reconsiderar a importancia de figuras como José Redondo ou Solís Caramés no teatro galego".  


Facer historia do teatro

A historia de Tespis, e os múltiplos ocos que continúan a existir en canto á cronoloxía da súa actividade ou mesmo á hora de contar cun catálogo completo do traballo da compañía amosan un problema común na memoria da escena galega. "Resulta difícil conseguir material deste tipo", recoñece Oti a falar da súa investigación. "O propio día da homenaxe unha espectadora deume un recorte de prensa de 1973 a falar do que facía Redondo nos centros de ensino, e continúan a chegar cousas. Tamén nese día identificamos quen pode ter máis fotografías, documentos, vestiario ou mesmo algún programa". Á hora de abordar esta investigación "tracei un plan de traballo no que incluín entrevistas persoais e telefónicas, e tentei localizar hemerotecas onde podía haber material. Algún documento que daba por perdido acabei por atopalo na Biblioteca Nacional, en Madrid. É un labor que leva moito traballo e fai falla dedicarlle tempo". Ao ter que confiar en moitos casos na memoria de protagonistas e testemuñas, "sempre se dan inconcrecións, bailan as datas e os lugares, e mesmo hai controversias. E isto mesmo acontece ás veces con datos postos por escrito. Hai publicacións que contradín cousas que logo descubrín", recoñece. Nese sentido, "hai que indicar como se lembran as cousas, pero tampouco lle dou moita importancia a estas cuestións, porque sei que, aínda que as persoas que escribimos sobre isto podemos cometer erros, compensa facelo e cómpre unha historiografía o máis ampla posible".

 

O legado que se perde

Nese sentido, o investigador salienta as eivas na documentación sobre a historia do noso teatro. "Logo da desfeita que se fixo co Centro de Documentación Teatral" no seu momento inserido no antigo Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais, "non temos un lugar que poida acoller todo este legado. O teatro é por definición efémero e despois da función só quedan fotografías, afiches, carteis ou textos. Hoxe o único que temos é a Biblioteca-Arquivo Franciso Pillado Mayor da Universidade da Coruña", que conta co legado dunha colección do propio Francisco Oti. "É necesario reivindicar un Centro de Documentación Teatral. Eu cederei con moito pracer o que compilei a quen sexa que se poida facer cargo". 

Galería: A historia de Tespis en 11 imaxes

Santiago Fernández e Feli Manzano en Petición de Mano (1965)
1/11
Sonata de espectros, dirixida por Manuel Lourenzo (1966)
2/11
Olga Patiño, Fernando Morán e María Carmen Deus en A noite vai coma un río (1973)
3/11
Juan Fernán Vello, Santiago Rivas e José A. Jiménez en Na alta mar (1974)
4/11
Cartel de Os anxos cómense crus (1975)
5/11
Cartel xenérico de Tespis (1976)
6/11
Cartel de O conto dos cinco camiñantes (1979)
7/11
Cartel de Os irmandiños (1979)
8/11
Juan Fernán Vello en Os irmandiños (1980)
9/11
Imaxe de Sinfonía en catro tempos, de Eduardo Blanco Amor (1980)
10/11
Cartel de Pinocho (1983)
11/11
Que che parece esta nova?
199 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

O futuro comeza aquí

O futuro comeza aquí

A formación académica e os novos proxectos marcan unha nova xeración na escena galega

Baixar o pano

Baixar o pano

A feira das artes escénicas remata cun espectáculo de novo circo

Axenda completa

Moito teatro de adultos na terceira xornada da feira das artes escénicas

Jazz e outras danzas

Jazz e outras danzas

Os espectáculos para pequenos e a danza centra a segunda xornada da feira

Universos

Claves