Batallar contra o imaxinario

O Proxecto Palabra e Memoria conseguiu identificar lápidas en galego en todos os concellos

| Santiago. Redacción | Seccións:
Compartir:
A lápida coa que se identificou a presenza do galego nos cemiterios de todo o país. Foto: Serxio María Rodríguez

A lápida coa que se identificou a presenza do galego nos cemiterios de todo o país. Foto: Serxio María Rodríguez

O proxecto colectivo Palabra e Memoria anunciou que conseguiu identificar lápidas en lingua galega en todos os concellos do país. A última en ser localizada foi en Santiago dos Mixtos (Calvos de Randín) polo profesor da universidade de Vigo Serxio María Rodríguez, onde esa lápida fora colocada en 2011. Pero neste proxecto de localización e catalogación das lápidas en lingua galega dispersas por todo o país, atopáronse cun curioso fenómeno. “Estamos cun derrotismo tan grande”, explica o seu promotor, Bernardo Penabade, “que nos contestaba pouca xente. Ou cando nos contestaba dicíannos que no seu concello non había ningunha lápida en lingua galega”. Os datos revelaron que non é así, e que mesmo o uso da lingua galega é máis frecuente do agardado, pero na cabeza de moitas persoas esa realidade non parecía ser posible.  Desde o ano 2020, o uso do galego parece vivir un “rexurdimento transversal” no ámbito funerario, 3.332 familias con lápidas en galego, sobre un total de 84.187. A estatística provisional ofrece unha porcentaxe de uso dun 4% sobre o total de lápidas. 

O caso máis rechamante foi cando o proxecto contactou con xente de Vilariño de Conso, en Ourense. “Unha persoa relevante dese municipio díxonos rotundamente que alí non había lápidas en galego porque os cemiterios son moi recentes”, explica Penabade. A resposta revelaba que, erroneamente, se asociaba a escrita do galego ao pasado, cando a realidade era xusto a contraria. Aínda que a primeira lápida en galego localizada dos últimos séculos é de 1924 (en Bande), o uso da lingua nos espazos funerarios comezou a incrementarse coa chegada da democracia e a autonomía. A curiosidade é que xusto en Vilariño de Conso é onde se rexistra a maior porcentaxe de lápidas en galego de toda a provincia de Ourense. Pero os imaxinarios e os preconceptos impedían velas. 

 

Aínda que o proxecto rexistrou tumbas en 313 concellos, o coñecemento da situación do galego nos cemiterios aínda precisa máis investigación. Deste xeito, o proxecto vai inventariando pouco a pouco todas as lápidas e determinando cantas se atopan en galego en cada cemiterio, producindo porcentaxes de uso por municipios. Os datos, provisionais, permiten ver dúas zonas nos que o galego é máis frecuente, a Terra Cha e o Barbanza, como Rianxo como concello líder no seu uso. 

 

O proxecto iniciouse en 1997 pero foi a partir de 2023 cando colleu pulo. “En menos de dous anos fomos capaces de recoller información de todo o país”, explica Penabade, “aquí traballamos só persoas individuais, é unha escola transversal con metodoloxía de aprendizaxe e servizo”. A maior parte dos colaboradores traballan ao redor do seu espazo máis próximo, pero un pequeno grupo móvese por todo o país. O número de colaboradores supera as 130 persoas. 

 

O proxecto Palabra e memoria contabiliza tamén a presenza do galego noutros actos do ritual funerario como as esquelas. Os promotores contactaron coas empresas funerarias para animalos a que ofreceran as familias a escolla da lingua para a comunicación do deceso. “En canto esa posibilidade simplemente se ofrece, o galego xorde e se fai visible sempre”, explica Penabade, que debulla as estatísticas das esquelas nos medios. No día de onte La Voz de Galicia superaba o 16% de esquelas en galego, ao parecer todo un fito neste ámbito. Se pensamos no 4% do total de esquelas existentes na actualidade, pode que as cousas estean a cambiar, e que cada vez sexan máis as persoas lembradas na lingua na que falaron. 

Que che parece esta nova?
180 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Claves