A Comisión cuarta do Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade dúas resolucións relativas a institucións de memoria. Por unha banda, o Parlamento instou á Xunta a "crear o primeiro Centro Galego de Fotografía, ao longo da presente lexislatura, para recompilar e coordinar a xestión dos legados fotográficos históricos, co obxectivo de dotar o noso país dun arquivo dixital e bibliográfico que permita recuperar, conservar, estudar e difundir a fotografía histórica de Galicia, dinamizar a produción fotográfica galega contemporánea e potenciar a realización de estudos e investigación sobre esta expresión artística". A proposta inicial, presentada polo BNG, instaba á conservación do "fondo documental histórico de fotografías que aínda se conserva en mans privadas ou de entidades locais". Por outra banda, os deputados instaron á Xunta, a iniciativa do PPdG, a reclamar ao Goberno central á "inmediata apertura" do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, "cumprindo cos compromisos adquiridos polo mesmo". O Museo Arqueolóxico de Ourense pechouse en 2002 e as obras foron reactivadas durante o último goberno de Pedro Sánchez con 9,2 millóns de euros. O goberno central ofreceu diferentes prazos de finalización das obras, a última delas foi o anuncio no Senado de que as obras serían entregadas no primeiro trimestre de 2026. Con todo, unha vez rematadas as obras de reforma, deberá ser licitada a nova musealización, prevista cun orzamento de tres millóns de euros. Segundo La Región, A Xunta confía en que a tramitación do proxecto museístico comezará no segundo semestre do ano.
