Carlos Blanco recibe o premio honorífico do III Festival Cine do Mar de Marín

A cita centrada na relación entre o audiovisual e a cultura mariña comezará o 20 de abril

| Santiago. Redacción | Seccións: Audiovisual
Compartir:
Carlos Blanco

Carlos Blanco

O Festival Cine do Mar de Marín celebrará a súa terceira edición entre o 20 e o 26 de abril de 2026, consolidándose como unha cita cultural centrada na relación entre o audiovisual, o mar e a identidade cultural. O festival ofrecerá unha programación diversa e internacional, que combina proxeccións cinematográficas, actividades formativas e encontros profesionais. O luns 20 de abril, inaugurarase a mostra coa entrega do Premio Honorífico "Luz de Faro" ao actor Carlos Blanco. Despois, proxectarase o filme Rondallas, de Daniel Sánchez Arévalo.

Os membros da Asociación polo Museo do Mar e a concelleira Marián Sanmartín presentaron este evento, que mantén o seu compromiso coa valorización do mar como ecosistema, a concienciación sobre a súa protección e a dignificación dos oficios vinculados ao ámbito marítimo, ao tempo que promove a creación audiovisual en lingua galega e o seu uso entre as novas xeracións. Os escenarios do evento serán: o Cine Seixo, a Biblioteca Pública e o Espazo Emprendedor. Do martes ao sábado, haberá actividades na Biblioteca Vidal Pazos. Despois, comezará a Sección Oficial Documental coas proxeccións de A tarea e Un mar de mulleres. Pechara o día unha mesa redonda sobre as mulleres do mar e o marisqueo, na que participarán Sandra Amezaga (de Mulleres Salgadas), Marina Buceta (da Asociación de Mulleres do Mar de Poio), Rita Míguez (de Mariscadoras de Arcade), moderada por Rita Pesqueira, bióloga.

 

O mércores e o xoves a partir das 19.00h desenvolveranse a Sección Oficial Documental, con La mé a nan san, Si el silencio fuera azul e Parangol a primeira xornada e El nom de les ?ors, Polbeiros e Mar, sol, vent, a segunda; e a Sección Oficial de Ficción, con Buelta eta buelta, Chec-out, Bajamar e Inés o primeiro día e El pasajero, Ultramarino e Nas ondas do tempo, o segundo. Ambos días, clausuraranse coa charla de "Os cetáceos nas Rías Baixas", a cargo de Alfredo López, biólogo mariño do CEMMA, e a mesa redonda “A creación audiovisual en Galicia”, con Carlos Prado (xornalista e realizador), Adrián Porima (Director de Nas ondas do tempo), Xacobo Sanmartín (Director de Mar, vent, sol), Álex Cancelo (Guionista de Mar, vent, sol) e Ángel Cea (Director de Polbeiros).

 

O venres pola mañá, os escolares serán os protagonistas coa Escola de Cine e Mar, de 10.00 a 12.30h, onde se proxectarán as pezas Homo Plastic, Marinero en tierra e L’oeuvre vive, co acompañamento de Barafunda Animación. Pola tarde, ás 19.00h arrancará a Sección Oficial de Ficción con Fenicia e Memòrias com vista pro mar. Despois, proxectarase o filme de clausura, San Simón, coa participación do seu director, Miguel A. Delgado; o actor marinense, Celestino Fuentes, e a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín.

 

O sábado pola tarde, a partir das 19.30h, será a clausura coa entrega dos premios Sardiña de Ouro, Rañorte de Ouro, Polbo de Ouro e Rodaballo de Ouro, así como o Premio do II Certame de Fotografía do Mar, cuxas finalistas poderán verse nunha exposición toda a semana no Museo Torres. O domingo, o peche será a visita á Illa de San Simón, con 110 prazas dispoñibles e inscrición previa.

Que che parece esta nova?
99 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega
Ligazóns externas

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Cine, Carlos Blanco, Marín, Identidade...