Unha das covas de Seadur. Fonte: Valdeorras.travel
O Diario Oficial de Galicia recolle este 16 de abril a resolución pola que se declaran Ben de Interese Cultural as covas de Seadur. A declaración final mantén a protección proposta no expediente da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para os 81 elementos deste tipo que se conservan no Concello de Larouco.
A declaración, que lle outorga a máxima protección legal a estas construcións, prodúcese coa categoría de "lugar de valor etnolóxico", e atende tanto aos espazos físicos, escavados na rocha, como ao seu vencello coa produción vinícola, "por ser reflexo da cultura e das formas de vida do pobo galego ao longo da historia". Con orixes anteriores ao século XVIII, a maior parte destas estruturas consérvanse con mínimas alteracións. Para alén do seu uso como adegas, teñen unha importante función como punto de encontro social e escenario de celebracións.
Segundo recolle a declaración, "a posta en servizo do ferrocarril na comarca de Valdeorras e a chegada da denominada praga da filoxera" nos anos 80 do século XIX determinaron a actual configuración deste conxunto. A construción do ferrocarril e as súas posibilidades de transporte de mercadorías "incentivou tamén, en particular, o incremento das vendas dos viños da zona", o que animou a multiplicar estas estruturas de cara a conservas os caldos.
En paralelo, as covas serviron tamén para conservar a puga de variedades de vide de interese para a produción de viño nun momento no que a praga de filoxera destruíra máis de 1.000 hectáreas de viñedo. O enxerto destas pugas de variedades locais en portaenxertos americanos, máis resistentes á praga, permitiu a recuperación do cultivo.



