Este 8 de abril o Consello da Cultura Galega e a Fundación María José Jove daban a coñecer, ao longo dunha xornada celebrada na sede desta última entidade, na Coruña, o informe Iniciativas independentes de apoio á investigación e creación en danza e artes performativas en Galicia. O documento analiza sete propostas deste tipo que se desenvolven na actualidade no noso país. Para alén de denunciar a precariedade do sector, entre as súas conclusións sinala que a presenza das artes performativas segue a ser residual nos programas culturais do país ou que a "ausencia de interlocutores con coñecemento específico necesario" neste campo dificulta o diálogo e o desenvolvemento de iniciativas neste sentido, entre outras conclusións.
A plataforma De Corpos Presentes, impulsada por Sabela Mendoza, o espazo A Casa Vella, de Allariz, O colectivo RPM coas súas Residencias Paraíso, o festival Plataforma de Santiago de Compostela, a Sacra Experience, o itinerante Festival Abanea, as residencias Atopémonos Bailando na provincia de Lugo foron as propostas analizadas para a elaboración deste estudo. Entre os puntos destacados, o texto sinala que estas iniciativas favorecen a dinamización dos territorios nos que se desenvolven, incrementando o interese por estas formas creativas. As persoas que promoven estes programas, ademais, amosan unha importante vinculación coas mesmas e un destacado coñecemento experto neste ámbito.
Este tipo de iniciativas conseguen unha destacada colaboración entre institucións, aínda que a falta de entidades con capacidade económica abonda reduce a magnitude das mesmas. Deste xeito, "os espazos colaboradores dos casos son, en moitos casos, de localidades pequenas ou institucións menores coas que, aínda existindo vontade, custa acadar un cofinanciamento contundente". O texto denuncia na mesma liña a precariedade do sector, que deriva tamén nun peso excesivo da burocracia e do traballo de xestión para estes proxectos. Esta situación déixase sentir na imposibilidade de dedicacións exclusivas a propostas de dinamización como as recollidas ou na constitución de equipos estables para as consolidar.
De xeito similar, o modelo actual, centrado en produción e exhibición, dificulta o desenvolvemento de propostas de investigación nestas artes, polo que este estudo propón incrementar o peso de residencias e programas de mediación desenvolvidos en infraestruturas culturais galegas. Ademais, avoga por contar con espazos que permitan estadías prolongadas que faciliten a inmersión das persoas involucradas no contexto creativo. Outra pexa que se presenta neste ámbito é o modelo de subvencións, que non se axeita pola súa temporalidade anual á calendarización destas propostas nin facilita o desenvolvemento de proxectos plurianuais.



