Os Ancares acollen o I Foro Rural Transruralismo e Arte

Consello da Cultura, Fundación María José Jove e Casa Quindós organizan o encontro

Unha trintena de creadoras e creadores do país que traballan en relación co ámbito non urbano estarán presentes no I Foro Rural Transruralismo e Arte. Fundación María José Jove, Consello da Cultura Galega e Casa Quindós organizan en Vilela, nos Ancares, este encontro baixo o lema Cara as novas políticas de conectividade, vínculos emocionais e sustentabilidade.

Benito Burgos Barrantes, Oliver Laxe, Zaida Llamas, Lourdes Méndez, Rebeca Blanco-Rotea, Patricia Esquivias, Fuentesal Arenillas, María Alcaide, Javier Arce, Ibon Aranberri, Antonio Ballester Moreno, Fernando García-Dory, Fuentesal Arenillas, Irene Grau, Julio Jara, Rafael Navarro, Ruangrupa [D15], Belén Rodríguez, Neg Nova Escultura Galega, Misha Bies Golas, Alejandra Pombo Su, Jorge Varela, Diego Vites, Carme Nogueira, Miriam Pérez, María do Mar Pérez Fra, Alfredo Puente, Fran Quiroga, Filipa Ramos, Belén Rodríguez, Ruangrupa [D15], Rubén Santiago, Chiara Sgaramella, Juan Toboso, Susana González, Chus Martínez, Fran Quiroga, Agar Ledo, Filipa Ramos e Marta Rincón son os nomes que fan parte do foro, que transcorre entre os días 5 e 7.

O obxectivo deste foro, segundo explica o texto de presentación "é o de converterse nun lugar de encontro, onde recoñecernos, xuntarnos, e compartir inquedanzas, dúbidas e sobre todo saber que non estamos soas, que temos xenealoxías e que somos moitas as que en contextos diversos estamos pensando e facendo pequenos novos mundos. A través da experiencia, como xeito de aprendizaxe, buscamos abrir unha conversa sobre canto de relevante pode ser un novo marco de análise: un transruralismo que altere a orde centro - periferia para situar estes lugares nun novo marco relacional máis xusto e equilibrado".

No programa combínanse as presentacións de diferentes propostas creativas con debates, grupos de traballo, visitas a iniciativas culturais da contorna, roteiros ou a proxección do filme O futuro é das cabras de Óliver Laxe.

Segundo apunta a presentación do encontro, "o rural é un espazo de vida ao igual que o é a creación. Cada vez son máis as artistas que residen no rural ou espazos que van abrollando en diferentes emprazamentos. Mais que hai de moda ou de compromiso neste incipiente proceso? Xa superamos a idea prístina do rural como espazo que custodia as esencias e vemos como este está nun continuo conflito. Nesa fricción é onde ten un potencial a arte, por ser quen de desvelar procesos, alterar xeitos de ver a realidade ou por resignificar conceptos como modernidade, progreso, a escala ou o épico".