Teresa Rocamonde obtén o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

A Real Academia Galega de Ciencias convoca este galardón, dotado con 3.500 euros

| Santiago. Redacción | Seccións: ciencia
Compartir:
Teresa Rocamonde. Fonte: RAGC

Teresa Rocamonde. Fonte: RAGC

A reportaxe Os fármacos do centeo, emitida na TVG o 30 de abril de 2025, valeulle á xornalista Teresa Rocamonde facerse co Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas. A Real Academia Galega de Ciencias convoca este galardón, que recoñece con 3.500 euros en metálico pezas de temática científica ou tecnolóxica, de carácter informativo, en formato escrito ou audiovisual.

O traballo de Rocamonde fala sobre os primeiros fármacos elaborados no noso país co caruncho do centeo e, segundo o xurado, "conecta co papel da muller no agro, dedicada neste caso ao cultivo do centeo, que converteu a Galicia no seu momento nun referente na produción do caruncho con fins médicos". Ademais, sinala o fallo, "recolle todo o proceso da I+D+i na elaboración dos preparados farmacéuticos, dende o laboratorio ao mercado". A peza emitiuse no marco da serie Historias a pé de páxina.

 

Canda a ela, o galardón recoñeceu cun accésit de 1.500 euros á xornalista Cinthya Martínez e ao cámara Alejandro López-Benito. A reportaxe Así es el «Google Maps» de los cirujanos publicouse en La Voz de la Salud de La Voz de Galicia o 16 de novembro de 2025. A peza, que aborda o traballo do equipo de impresión 3D do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) "recolle", segundo o xurado, "un caso de transferencia de tecnoloxía do laboratorio á clínica que repercute directamente na vida das persoas”. Os premios entregarase o vindeiro 15 de abril no Pazo de San Roque de Santiago.

Que che parece esta nova?
115 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Claves