Milagros Torrado Cespón e Laura Pérez Delgado fanse co Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi

Recibirán 4.000 euros polo seu traballo Paio e o Gatipedro

| Santiago. Redacción | Seccións: literatura
Compartir:

O Concello da Estrada daba a coñecer este 27 de marzo o fallo do VI Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi. A dupla conformada pola escritora barbanzá Milagros Torrado Cespón e a ilustradora madrileña Laura Pérez Delgado impúxose nesta xeira do certame coa obra Paio e o Gatipedro, e recibirán os 4.000 euros en metálico do galardón ademais de ver o seu traballo publicado pola editorial Galaxia.

Mariano Casas Gil, Sara Valcárcel Maceira, Armando Requeixo Cuba e Rosa María Herraiz Cabanas compuxeron o xurado que seleccionou por unanimidade a obra gañadora entre as 18 que se presentaron a esta edición. No fallo, valoraron do traballo vencedor "a súa capacidade para poñer no centro o folclore galego, facendo protagonista ao Gatipedro". 

Segundo a acta, o álbum "rescata elementos da tradición oral galega para contar unha historia, tenra, envolta nun mundo de ensoñación, contada cunha linguaxe propia". Canda a isto apunta "a súa estética coidada, cunha excelente paleta de cor, na que historia e imaxe camiñan da man". O Concello da Estrada convoca este certame co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a colaboración da Editorial Galaxia.

 

Que che parece esta nova?
260 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Claves