Alba Mancebo na primeira curta sobre Begoña Caamaño da RAG
Unha selección de vídeos curtos gravados en colaboración con creadoras e creadores de contidos para redes sociais. Esta é a proposta que acaba de pór en marcha a Real Academia Galega co proxecto É o tempo de Begoña Caamaño para divulgar a figura da protagonista do Día das Letras Galegas entre a poboación máis nova.
O material, que se distribuirá en redes sociais baixo o cancelo #éotempodebegoñacaamaño, achegará información sobre a vida e obra da homenaxeada. Alba Mancebo @mancebota inicia a serie cunha presentación biográfica da autora e das súas novelas, Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012).
As contas da Real Academia Galega en Instagram, Facebook e Bluesky (@reacademiagalega), X @academiagalega), Youtube (@RealAcademiaGalega), e, a partir de abril, en TikTok, acollerán estas producións, que se suman a o videopódcast e ao documental que a entidade desenvolve arredor do Día das Letras.


