A Fundación Seoane, na Coruña, acollía na mañá deste 9 de febreiro a presentación do programa co que a Real Academia Galega conmemorará ao longo do ano o Día das Letras Galegas. Con Begoña Caamaño como protagonista, a entidade anuncia un reforzo nas accións para chegar a novos públicos, e en particular á mocidade, coa creación de pezas audiovisuais específicas para redes sociais e o primeiro videopodcast promovido desde a institución.
O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, e a tesoureira da entidade, María López-Sández, canda a Beatriz Caamaño, irmá da homenaxeada, foron responsables de desvelar a programación institucional pola data. No encontro, Monteagudo animou a toda a sociedade a coñecer unha escritora que merece un espazo destacado na historia da narrativa galega contemporánea a indicar que a intención desta homenaxe é desenvolver a "celebración colectiva dunha autora na que simbolizamos a capacidade de crearmos literatura de alta calidade, desde unha ollada galega mais universal".
Pola súa banda, Beatriz Caamaño, a falar da obra da súa irmá, reivindicou que "os seus contidos son fundamentais no momento social que estamos vivindo. Creo que todo o mundo debería achegarse ao feminismo e ao concepto da xustiza a través de Begoña Caamaño". María López-Sández, á súa vez, lembrou tamén que con esta celebración a RAG "tamén quere chamar a atención sobre a necesidade dun xornalismo comprometido coa verdade e co uso do galego".
Damián Varela e Alba López Álvarez serán responsables do documental que promove a RAG sobre a autora, que se presentará nesta ocasión nunha única peza e non dividido en episodios como era habitual. Esta produción complementarase cunha serie de vídeos curtos arredor da obra de Caamaño orientados a un público novo para se distribuír en redes sociais. Encol do videopódcast, a entidade reunirá creadoras de distintas xeracións para reflexionar arredor de temas chave de Caamaño.
Alén destas novidades, a entidade celebrará o seu pleno extraordinario do 17 de maio en Santiago de Compostela, con intervencións a cargo de Marilar Aleixandre, Víctor F. Freixanes, Manuel Rivas e Ana Romaní. Xa no outono, Vigo será a sede do simposio académico dedicado a escritora e acollerá a presentación do programa Primavera das Letras, orientado ao público escolar, o vindeiro 2 de marzo.



