Volve celebrarse o festival Galegote de Pontevedra

Non houbo edición en 2025 adiada pola acumulación de outros eventos na cidade

| Santiago. Redacción. | Seccións:
Compartir:
Volve celebrarse o festival Galegote de Pontevedra

O festival Galegote, o único dedicado exclusivamente a artistas ou bandas que utilizasen o galego levaba doce anos facéndose, incluíndo en 2024 artistas portugueses no cartel, ata o ano pasado que foi cancelado polo Concello de Pontevedra ante unha acumulación de eventos ese ano que incluía os Premios Feroz e a celebración do Mundial de Triatlón. Como se anunciou nese momento, pero ata o de agora non estaba confirmado, este ano o festival volve celebrarse e terá lugar os vindeiros 24 e 25 de abril na cidade do Lérez. Como novidade o festival distribuirá as actuacións por espazos de hostalaría da cidade.

O promotor da empresa Jack-Jack que organiza o evento, Marcos Rivas (Sala karma) presentou o cartel acompañado do concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística, Demetrio Gómez. Rivas destacou o fenómeno actual da música feita en Galicia, cunha nova vaga de artistas que están a encher salas emblemáticas tanto dentro como fóra da comunidade, abarcando xéneros que van dende o indie e o rock ata a música urbana. O cartel desta edición de 2026 é un reflexo desa diversidade musical. Entre as confirmacións atópanse propostas de música urbana como a do compostelán Kid Mount —considerado unha das grandes revelacións do xénero— e Montedapena. Tamén haberá espazo para o indie, o rock e o pop coa presenza de bandas como Michu da Rocha, Portosanto (o novo proxecto que retoma a esencia de O Aolá), Chicharrón, Dogo, Law e Flip Corale. A programación compleméntase con formatos máis íntimos e tradicionais, como o concerto acústico de Eladio y los Seres Queridos, o blues/jazz de Allada, e a escolma musical da Duendeneta Dilleis, que fará un repaso aos temas galegos dende os anos 50 ata a actualidade. Os concertos desenvolveranse en formato de ruta por diferentes espazos e locais hostaleiros de Pontevedra, creando un ambiente de proximidade co público. Entre os lugares que acollerán as actuacións atópanse A Gramola, O Diáño, La Verbena, A Pomada, O Chato, A Nasa e o Campiño de Santa María.

Que che parece esta nova?
154 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Claves