Galegote Rock volta á normalidade no Xº aniversario

O festival de música en galego ofrecerá doce concertos en salas e espazos abertos

A aposta pola música moderna en galego celebra o seu décimo aniversario en Pontevedra ao chegar a esa edición o Galegote Rock. Este festival de música en directo está promovido pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra para dar a coñecer a intérpretes e grupos de distintos estilos musicais co denominador común de usar o idioma galega nas súas cancións. Nesta nova edición que terá lugar entre o 28 e o 29 de abril o Galegote Rock volve aos locais de Pontevedra recuperando a súa esencia, logo de dous anos de pandemia. En total serán doce concertos a celebrar de novo en pé e tanto en espazos ao aire libre como dentro das salas pontevedresas habituais deste circuíto.

Do programa compre destacar a volta de Ruxe-Ruxe neste décimo aniversario, unha banda que xa estivo presente na primeira edición do Galegote. Ademais tamén hai que sinalar a participación dos máis cativos do Local de Música a través do proxecto Xeración sónica, o futuro para a música en galego que ven desde a infancia. O cartel o completan High Paw; Copa Turbo; Os Silvestres; Moucho; Eladio y los seres queridos; Kris K DJ; Zeltia Irevire; Grampoder; Berto e Carlos Crespo DJ. Poderase asistir en espazos coma O pequeno, O Grifón, Sala Karma ou o campiño de Santa María.